Escoitar

A alcaldesa traslada a Zapatero a preocupación de que Vigo non dispoña dun Xulgado do Mercantil

A alcaldesa, Corina Porro, entregoulle ao presidente de Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, un informe coas demandas pendentes da cidade en asuntos de competencia estatal. O acto tivo lugar esta mañá en Santiago de Compostela nun encontro que o presidente do Goberno mantivo cos alcaldes das sete grandes cidades de Galicia no que se abordou a necesidade de contar con maior financiamento local por parte dos concellos.

xoves, 8 xul 2004
A alcaldesa recibía mais tarde a Zapatero no aeroporto de Peinador con motivo da xuntanza que o presidente do Goberno realizou con investigadores na Cidade Universitaria de Vigo.

O informe conten as cuestións que a alcaldesa negociou onte co Secretario de Estado de Infraestructuras sobre asuntos do Ministerio de Fomento e as peticións de entrevistas coa Ministra de Medio Ambiente e co presidente de Renfe. Tamén lle deu traslado da preocupación da cidade ante o anuncio da non ubicación en Vigo dun Xulgado do mercantil.

En relación á entrevista solicitada á Ministra de Medio Ambiente, Cristina Narbona, a alcaldesa lémbralle as cuestións nas que se están a traballar conxuntamente como a recuperación da xunqueira do río Lagares e a construcción dos paseos marítimos na Guía e Alcabre, actualmente en fase de exposición pública.

A carta destaca tamén que o Concello de Vigo, en colaboración coa Zona Franca, acaban de facer público un estudio sobre o borde litoral da cidade , co que se pretende a recuperación de amplos espazos portuarios para uso público, a rexeneración e mellora da accesibilidade de numerosas praias da cidade, a creación de carrís bici en armonia co desenvolvemento necesario e o mantemento da competitividade do Porto de Vigo.

A solicitude de entrevista co presidente de RENFE parte do estudo no que se introduce a posibilidade de que o Porto de Vigo poida crecer en espazos que na actualidade corresponden a RENFE e que se atopan emprazados no recinto portuario do Areal e de Guixar. A avanza fase na que se atopa o Plan Xeral de Ordenación Municipal obriga que, no caso de existir acordo entre RENFE e o Concello, éste quede reflectido nun documento urbanístico.

Xulgado do Mercantil

Corina Porro trasladoulle a Rodríguez Zapatero a preocupación dos cidadáns ante o anuncio da non ubicación en Vigo dun Xulgado do mercantil. Ao respecto a alcaldesa entregoulle ao presidente do Goberno a certificación plenaria na que a cidade reclama ,por enésima vez , que Vigo dispoña dunha sala do mercantil.