Escoitar

Concedidas as axudas para dinamizar as zonas peonís e acometer obras nos mercados

A concelleira de Comercio, Lucía Molares e a delegada da Consellería de Industria en Vigo, Carmen Bianchi confirmaron hoxe a concesión das axudas por parte da Xunta para acometer accións de dinamización das zonas peonís e comerciais así como para obras nos mercados.

venres, 2 xul 2004
Entre as accións que se acometerán están o Proxecto Ilumina, de iluminación artística de edificios históricos en zonas comerciais e o Proxecto de mellora estética de rúas comerciais, así como a realización dun estudio de viabilidade para a remodelación da Praza do Progreso.

O Proxecto Ilumina pretende a recuperación e realce de edificios históricos da cidade mediante a súa iluminación artística co obxecto de facer mais atractivos os elementos do patrimonio. Nesta primeira fase preténdese acometer a iluminación da Casa Galega da Cultura e a ponte de López de Neira.

Renovación estética de zonas comerciais onde se están a desenvolver neste momentos Centros Comerciais Urbanos, mediante a delimitación das zonas cunha estética unificada que permitirá ó consumidor identificar o espacio . Nesta primeira fase acometerase a colocación de maceteiros colgantes nas principais zonas comerciais do Casco Vello e Zona Centro.

O estudio de viabilidade e proxecto de remodelación da praza do Progreso refírese á praza que conforma a azotea do mercado do progreso e perséguese que este espacio poida servir como polo de atracción de público con actividades de ocio.

Os investimentos previstos para realizar os proxectos ascenden no ano 2004 de 197.217,74 euros; no ano 2005 de 80.000 euros e no ano 2006 de 80.000 euros. A subvención da Xunta de Galicia para cada investimento é do 70% da totalidade de cada proxecto.

Obras nos mercados

Lucía Molares confirmou tamén hoxe a concesión das axudas para realizar investimentos nos mercados de O Progreso, Teis, Bouzas e Berbés.

Os investimentos previstos nos catro mercados ascenden á contía total de 90.631,25 euros, das que a Xunta aportará o 70% da totalidade de cada proxecto.

As actuacións, consideradas de obra menor, refírense no mercado do Berbés á rehabilitación da fachada; no Progreso as obras serán de reparación de forxado; en Bouzas , construirase unha rampla de acceso para persoas con discapacidade e no mercado de Teis procederase á instalación de rexas nas ventás e de tubos de auga en aseos.