Escoitar

O Concello debate sobre a necesidade de crear un Centro de Emerxencia Social

Diferentes axentes sociais da cidade reúnense o venres co propósito de crear unha mesa de traballo sobre as necesidades da emerxencia social en Vigo e na súa área metropolitana, dende o Plan Local sobre Dropodependencias e outras Adicións (PLsDA).

xoves, 13 mai 2004
Na sesión someterase a debate a creación dun Centro de Emerxencia Social coordinado cos distintos recursos sociais e sanitarios, de atención primaria e especializada. Na sesión de traballo participarán representantes políticos do Concello, persoal técnico, entidades de tipo social , sindicatos e os colectivos do PLsDA.

O Plan Local sobre Drogodependencias e outras Adiccións de Vigo, xorde dende as entidades que están a traballar en calquera dos ámbitos da promoción da saúde na cidade, na idea de ter un instrumento que dea estabilidade ás accións e programas desenvolvidos, máis aló das realidades e particularidades vividas por cada unha delas. Foi aprobado en pleno polo concello en xullo do 2002, e a partires de alí, constituíronse comisións de traballo nas distintas áreas de prevención, asistencia e incorporación social.

Na área de incorporación social, e concretamente, no ámbito da saúde, proponse o obxectivo de impulsa-la creación dunha rede local de recursos de apoio ás estratexias de saúde, onde os usuarios poidan ter cubertas as súas necesidades básicas, e que faciliten a súa recuperación ou melloren a súa calidade de vida.