Escoitar

Patrimonio Histórico pon en marcha a páxina web do Centro de Artesanía Tradicional e da Casa do Cesteiro

O Centro de Artesanía Tradicional, adscrito á concellería de Patrimonio Histórico vén de situar en internet a páxina web <a href='http://www.vigo.org/artesania/'>http://www.vigo.org/artesanía</a> a través da que se pode coñecer o labor que desenvolven o CAT e a Casa do Cesteiro e achegarse ó mundo dos oficios tradicionais de Galicia e da súa producción artesana secular.

martes, 11 mai 2004
1084274856tallercasadocesteiro.jpg
Taller na Casa do Cesteiro
A recuperación e difusión da artesanía e oficios tradicionais de Galicia con base patrimonial (etnográfica) son os obxectivos que se ofrecen nos contidos da web do CAT. Tamén aparecen os servicios nos que se contempla a posibilidade de visitar a exposición permanente, de obter información da exposición itinerante que está a percorrer numerosas institucións; e ofrecese a posibilidade de realizar préstamos temporais de pezas a outros centros ou consultar fondos de información e unha ficha de rexistro on line coa que os artesáns poderán deixar os seus datos, contribuíndo deste xeito, a promocionar e desenvolver o sector. Informase das actividades dós diferentes programas de difusión que está a realizar o CAT, como a promoción da artesanía tradicional galega na comunidade educativa dentro do programa didáctico, o formativo e de protección e fomento así como o de consultar a relación de actividades desenvoltas ata este momento. Mostrase tamén un apartado de oficios no que figuran os criterios que se teñen en conta á hora de considerar os oficios tradicionais e populares cun texto complementario que informa sobre cada un dos representados no CAT.

Os contidos da Casa do Cesteiro amosan o programa formativo que se está a desenvolver e que inclúe información sobre os distintos niveis que integran a formación neste oficio. Dende esta sección pódese baixar e imprimir a solicitude de inscrición nos cursos. O resto das seccións da páxina conteñen información sobre a cestería tradicional galega e as súas principais características: as materias primas utilizadas na cestería e as técnicas empregadas neste oficio; hai unha sección sobre a cestería e cultura; pasando logo a especificar as actividades de campo e de investigación propias. Por último pódese consultar unha galería de fotos sobre unha mostra representativa das pezas da cestería tradicional de Galicia.

Un foro para posibilitar a participación, a opinión e as consultas e unha sección de noticias na que se mostran as novas de maior interese e aos enlaces na que aparece unha relación de direccións de páxinas de interese e relacionadas co mundo da artesanía, completan este instrumento de comunicación que o Concello de Vigo vén de colocar na Web.
Descargar todas as imaxes