Escoitar
A alcaldesa e mailo delegado do consorcio asinaron hoxe o documento para a revitalización do centro de Vigo e a xestión de programas de interese xeral con vistas á celebración da Volta ó Mundo de Vela no ano 2005

O Concello de Vigo e Zona Franca desenvolverán o "Programa Vigo 2005" a través dun convenio específico de colaboración

O Concello de Vigo e o Consorcio da Zona Franca desenvolverán o "Programa Vigo 2005" a través dun convenio de colaboración específico dirixido á revitalización do centro da cidade e á xestión de programas de interese xeral con vistas a saída de Vigo, en novembro de 2005, da Volta ó Mundo de Vela.

luns, 19 abr 2004
1082380130Dsc00013.jpg
Corina Porro y Pablo Egerique
O convenio, que hoxe asinaron a alcaldesa, Corina Porro, e mailo delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca, Pablo Egerique, establece as bases e condicións para a realización das actuacións urbanas referidas á "dinamización socioeconómica, recuperación, desenvolvemento, remodelación e revitalización da área urbana prioritaria que o Concello determina, dentro do ámbito coñecido coma centro de Vigo, así como a planificación, execución e desenvolvemento de programas compartidos de interese xeral".

O custo das actuacións obxecto do convenio é de 9.000.000 euros, dos cales, 3.000.000 serán aportados polo Concello de Vigo, e os 6.000.000 restantes polo Consorcio.

O Concello de Vigo delimitará e fixará as zonas ou ámbitos urbanos de actuación, así coma o contido e programas de cada unha, e designará a dirección facultativa de cada unha das obras a executar. O Consorcio redactará os proxectos de execución cos seus contidos e especificacións, que serán remitidos ó Concello para a súa aprobación. Aprobados os proxectos, o Consorcio licitará, contratará, financiará na parte que lle corresponda e executará as obras proxectadas.

Constituirase unha comisión paritaria para o control, seguimento e execución do convenio. Dita comisión estará integrada por catro membros, dous representantes do Consorcio e dous do Concello de Vigo. A comisión dictaminará e estudiará as zonas urbanas de actuación e a idoneidade dos proxectos técnicos redactados.
Descargar todas as imaxes