Escoitar

Animación Sociocultural convoca o concurso de carteis para anunciar as Festas do Cristo da Victoria de 2004

Co obxecto de seleccionar un cartel para empregar na difusión do programa das FESTAS DO CRISTO DA VICTORIA 2004, a Concellaría de Festas e Animación Sociocultural do Concello de Vigo organiza un concurso no que poderán participar todas as persoas físicas ou xurídicas que o desexen, e poderán presentar cantas obras queiran, coa condición indispensábel de seren inéditas.

mércores, 14 abr 2004
Os orixinais realizaranse verticalmente, en papel de 50 x 32 cm, e presentaranse suficientemente
protexidos e montados sobre soporte ríxido e desmontábel, que permita a súa perfecta exposición. O soporte non poderá exceder en máis de 3 cm por cada lado ao orixinal. A técnica utilizada será libre dentro dos límites usuais para permitir unha normal reprodución foromecánica.En caso de remitirse facturados, o Concello de Vigo non responderá de posíbeis desperfectos, nin extravíos, como tampouco da súa devolución.

Así mesmo, o Concello de Vigo non responderá dos posíbeis desperfectos ou danos que poidan sufrir os carteis como consecuencia do seu transporte, manipulación, montaxe e desmontaxe, en caso de realizarse algunha exposición deles. Por este motivo, recoméndase que os carteis se presenten en soporte de cartón, cartón-pluma ou similar, evitando na medida do posíbel o emprego de cristal, metacrilato, enmarcado, etc.

Os orixinais, ademais do logotipo e anagrama oficial da Concellaría de Festas e Animación Sociocultural, deberán incluír necesariamente os seguintes textos:
* FESTAS DO CRISTO DA VICTORIA 2004.
* VIGO.
* XULLO E AGOSTO.

A Concellaría de Festas e Animación Sociocultural corrixirá os posíbeis erros dos textos que figuren nas obras, así como calquera modificación de datas ou doutro tipo que poidan xurdir. Así mesmo, a Concellaría de Festas e Animación Sociocultural resérvase a facultade de modificar ou substituír o logotipo e anagrama que apareza no orixinal, así como de variar a súa localización na composición definitiva do cartel que se edite; así mesmo, resérvase a posibilidade de incluír os logotipos de entidades ou empresas colaboradoras.

As bases atoparanse a disposición do público no servizo de Información da lonxa do Concello e na propia Concallería de Festas.

Os carteis presentaranse na Concallería de Festas e Animación Sociocultural do Concello de Vigo (Praza do Rei s/n; 36202 VIGO), en horario de 9 a 14 horas; o prazo de presentación finalizará ás 14'00 h do día 28 de maio. Non serán admitidos os carteis que se reciban no citado departamento con posterioridade á data e hora indicadas, calquera que sexa a causa do retraso.

Cando os traballos se presenten persoalmente, facilitarase un recibo que se poderá trocar no seu día polo traballo presentado. Os que se reciban facturados serán devoltos o seu autor/a,
se así o solicita, unha vez verificado o concurso.Os gastos de envío e devolución serán por conta dos concursantes. Transcorrido o prazo de 30 días naturais, contados dende a data de adxudicación do concurso, sen que os autores dos traballos non premiados os recollesen, entenderase que renuncian a
estes. Daquela, o Concello de Vigo poderá dispoñer libremente deles, sen recoñecer dereitos de reclamación ou indemnización de ningunha clase.

Os carteis serán presentados sen sinatura do autor-a e baixo un lema, que estará escrito no dorso do cartel, acompañados dun sobre cerrado que porá no seu exterior o mesmo lema do cartel. No interior do sobre depositarase unha nota escrita a máquina ou rotulación adecuada, co nome e apelidos do autor-a, enderezo completo, un número de teléfono de contacto (imprescindíbel) e fotocopia do NIF ou CIF correspondente. O incumprimento dalgún destes aspectos poderá ser motivo de descualificación.

Premios

Establécense para este concurso os seguintes premios e accésits:
PREMIO ÚNICO ..2.400.- euros.
2 ACCÉSITS ..450.-euros, cada un deles.

Os premios estarán suxeitos á normativa fiscal que proceda aplicar. O premio único ou os accésits poderán ser declarados desertos polo xurado do concurso. Caso de que o xurado estimase que ningún dos traballos presentados resulta adecuado para ser o cartel anunciador oficial das FESTAS DO CRISTO DA VICTORIA 2004, o Concello de Vigo resolvería polos seus propios medios a edición do mencionado cartel.

As obras gañadoras, tanto do primerio premio como dos accésits, quedarán en propiedade do Concello de Vigo; ademais, o/a autor/a cederalle ó Concello en exclusiva e irrevogabelmente, o dereito de impresión ou reproducción, total ou parcialmente, en calquera modalidade, tamaño ou soporte, así como a utilización da obra para a súa promoción publicitaria. Poderanse
realizar as correspondentes modificacións ou transformacións para a súa adaptación a soportes, técnicas ou tamaños necesarios.

O Concello de Vigo resérvase o dereito de organizar exposicións públicas con todos ou parte dos carteis presentados ao concurso, en local, datas e horas que se determinarán. Neste suposto, os carteis deberán ser retirados polos propios autores ou persoas que os representen, no prazo de trinta días naturais seguintes ao da clausura da derradeira das exposicións.A selección das obras que se inclúan na exposición será realizada polo xurado do concurso.