Escoitar

Acordos do pleno da Corporación Municipal

A Corporación Municipal aprobou hoxe en sesión plenaria, coa abstención do grupo municipal socialista, o convenio de colaboración entre o Concello e Renfe para a construcción da nova estación de ferrocarril de Vigo.

luns, 23 feb 2004
O convenio, que será asinado proximamente pola alcaldesa e representantes de Renfe, implica ademais a reordenación da praza da Estación e ordenación do seu ámbito. Na sesión plenaria ratificouse tamén o cambio de usos dos terreos fronte ó centro cultural de Beade como cultural e social unha vez que alí se reconstrúa o denominado "Chalé Agarimo", obxecto de doazón ó Concello.

No apartado das mocións aprobouse , tras un extenso debate, unha do grupo municipal do DPG sobre a reimplantación do céspede do estadio municipal de Balaidos ó remate desta tempada. A corporación apoiou, por unanimidade, unha moción presentada polo BNG relativa á sanidade na zona de Vigo. Neste senso acordouse reclamar do SERGAS un incremento das plantillas de atención primaria na área de maneira que estas se adecúen ó volume de poboación e as súas necesidades asistenciais; a posta en marcha de zonas básicas de saúde e a creación dun dispositivo específico de urxencias e emerxencias.

Verbum

O Verbum tamén foi obxecto de debate na sesión plenaria de hoxe mediante unha moción presentada polo BNG e que se aprobou por unanimidade. Deste xeito aprobouse que a Concellería de Cultura e o Goberno Municipal poñan en marcha un estudio para rediseñar o Verbum dotándoo dunha coherencia expositiva que transmita mensaxes científicas, contando coas aportacións que teñan a ben demandar dos distintos colectivos, persoas representativas e demais entidades relacionadas coa comunicación e a palabra. Elaboración dun programa de actividades atraentes que sirvan para potenciar os contidos do museo e para revitalizalo converténdoo nun foco de atracción . Que se contemple a posibilidade de ofertar o Verbum conxuntamente con outras visitas á cidade e que se faga unha campaña divulgativa nos centros educativos de Gálica e norte de Portugal.

Aprobáronse tamén as mocións relativas a desenvolver unha campaña de potenciación para utilizar o transporte colectivo; proposta de anovación do vixente convenio de colaboración entre o Concello e a CPTOPV para a realización de infraestructuras viarias; propoñer á administración Hidráulica de Galicia o aumento de caudal de abastecemento de auga; dotación de máis prazas de aparcadoiro pública na cidade; constitución da comisión de seguimento dos convenios subscritos do Consorcio da Zona Franca. Por último aprobouse unha moción do grupo municipal do BNG na que se pedía por responsabilidade e dignidade política a dimisión do alcalde de Toques.