Escoitar

O Concello cede a Política Territorial solo para construir 384 vivendas de promoción pública en San Paio de Navia

A alcaldesa de Vigo, Corina Porro e o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, Alberto Núñez Feijóo, asinaron o pasdo venres un protocolo que permitirá avanzar na construcción de vivendas sociais de promoción pública no municipio. O documento establece que o concello cederá ó Instituto Galego da Vivenda o aproveitamento residencial que lle corresponde como consecuencia da cesión obrigatoria do 10 por cento contemplada no plan parcial de San Paio de Navia.

luns, 23 feb 2004
A cesión concretarase na parcela P-XVII, na que Política Territorial, a través do IGVS, construirá 384 vivendas de promoción pública, das que o 15% irán destinadas a persoas con idades que non superen os 35 anos. Núñez Feijóo explicou que "o concurso para a redacción da primeira fase de 192 vivendas convocarase a finais de marzo próximo, de acordo coa configuración que se estableza na modificación puntual do plan parcial que se está tramitando na actualidade".

En San Paio de Navia estase a desenvolver solo residencial para a construcción de preto de 3.381 vivendas de promoción pública e protección autonómica. A superficie total adicada a vivendas sociais en San Paio de Navia é de 728.865 metros cadrados, e o investimento ascende a 45 millóns de euros.

Deste xeito, Vigo está a ser unha das cidades galegas máis beneficiadas por actuacións en materia de vivenda. O desenvolvemento dos diferentes programas previstos suporán a construcción de más de 3.800 vivendas protexidas.

Rehabilitación do Casco Vello
Rúa Ferrería
Pola súa parte, o IGVS cederá ó concello de Vigo un dos bloques construídos na rúa Ferrería, con seis vivendas que o concello destinará ó aloxamento de persoas en situacións de grave dificultade, en especial mulleres víctimas da violencia de xénero, que carezan de vivenda ou non poidan exercita-lo uso da mesma.

Asemade, o protocolo concreta que as restantes oito vivendas construídas pola Xunta na rúa Ferrería destinaranse ós realoxos necesarios dentro do plan de rehabilitación do Casco Vello de Vigo. O Instituto Galego da Vivenda investiu un total de 1,53 millóns de euros na construcción destas 14 vivendas.

Convenio Concello-Xunta-Zona Franca
A rehabilitación do Casco Vello de Vigo é un dos programas que o IGVS está a desenvolver na cidade. Neste campo prevese a sinatura dun convenio entre o Concello, a Zona Franca e A Xunta que permitirá realizar actuacións integrais de rehabilitación, cun investimento próximo ós 30 millóns de euros.

Este programa levarase a cabo mediante a adquisición e rehabilitación de inmobles e a mellora do medio urbano da área afectada. Para a realización das actuacións faríase unha relación de edificios do casco Vello de Vigo susceptibles de adquisición. Ademais valoraríase cada unha das unidades edificatorias, concretando o prezo de adquisición, rehabilitación, redacción do proxecto, licencias e permisos.

Áreas de rehabilitación
Parellamente estanse a levar a cabo as actuacións financiadas ó abeiro dos sucesivos convenios de áreas de rehabilitación. A área de Vigo foi declarada en 1997. Dende entón asináronse cinco convenios para o arranxo de 201 vivendas, por un importe total de 6,2 millóns de euros. Este ano asinarase o sexto convenio, que prevé a rehabilitación de 60 vivendas e un importe total de 1,2 millóns de euros.

Bouzas
Tamén este ano asinarase o primeiro convenio da área de rehabilitación de Bouzas, declarada en 2003. Neste caso as actuacións de rehabilitación previstas beneficiarán a 60 vivendas, cun investimento total de 1,2 millóns de euros. Nos dous casos realizaranse ademais labores de urbanización e reurbanización.

Promoción pública de vivendas
Ademais das 192 vivendas de promoción pública de San Paio de Navia, Política Territorial iniciará este ano en Vigo a construcción doutras 74 vivendas en As Roteas e O Calvario.

As Roteas
Nas Roteas, o IGVS iniciará a segunda fase da actuación, coa licitación no primeiro semestre do ano das obras de construcción de 48 vivendas, cun investimento previsto de 2,88 millóns de euros.

Na mesma unidade de actuación de As Roteas rematáronse e entregáronse en 2003 outras 40 vivendas de promoción pública, cun investimento de máis de 2,46 millóns de euros. As actuacións realizadas nesta zona de Vigo inclúen a urbanización da mesma.

O Calvario
Polo que respecta a O Calvario, no primeiro semestre do ano licitarase a construcción de 26 vivendas de promoción pública, cun investimento aproximado de 1 millón de euros.

Reparacións
Finalmente, no próximo mes de marzo está previsto o inicio de obras de reparacións de fachadas no grupo de vivendas da Avenida de Galicia, en Teis, nas que o IGVS investirá máis de 288.000 euros. O prazo de execución das obras será de seis meses.

Asemade, neste mes adxudicaranse as obras de reparación varias no grupo de vivendas de Rivera Atienza, no que se investirán preto de 53.000 euros, e as acometidas individuais de auga no grupo de vivendas de promoción pública de Torrecedeira, cun investimento próximo ós 51.000 euros. Nos dous casos o prazo previsto para a realización das obras é de dous meses.

Finalmente, está previsto o investimento de máis de 150.000 euros nas acometidas individuais de auga nas vivendas de promoción pública da rúa Val Miñor. A primeira licitación desta obra quedou deserta, polo que deberá ser licitada de novo.