Abel Caballero reclama á Xunta a gratuidade dos libros de texto para todo o alumnado de ensino obrigatorio
O alcalde insta ao Goberno galego a recuperar este mesmo curso a gratuidade implantada en 2007 e destaca que o Concello destina máis de 18 millóns de euros ao ano a educación en Vigo.
Caballero volveu reclamar á Xunta de Galicia que estableza este mesmo ano a gratuidade dos libros de texto para todas as nenas e nenos que cursan o ensino obrigatorio. O rexedor defendeu que se trata de garantir plenamente o carácter gratuíto da educación e lembrou que esta medida xa foi implantada durante a presidencia de Emilio Pérez Touriño. “É o recoñecemento da gratuidade de toda a educación. Non chega só coas matrículas, porque hai un custo moi importante para as familias”, afirmou.
Caballero instou á Xunta a recuperar o sistema e compensar tamén ás familias que xa tiveron que afrontar este curso o gasto dos libros de texto. O alcalde dirixiuse ademais ao PSdeG e ao BNG para pedirlles que leven esta reclamación ao Parlamento de Galicia e esixan a súa aplicación, lembrando que a competencia educativa corresponde á administración autonómica.
O rexedor contrapuxo esta situación co investimento de máis de 18 millóns de euros que realiza o Concello de Vigo en educación. Entre as principais partidas citou arredor de 3 millóns para bolsas de comedor, 3,2 millóns para as bolsas de inglés, 2,7 millóns para as escolas infantís e os investimentos municipais en obras nos centros educativos.
A estas cantidades súmanse, segundo explicou, 3,5 millóns de euros para a limpeza dos colexios, case un millón para vixilancia e máis de 1,5 millóns para gastos como enerxía eléctrica, mantemento e as achegas de autoxestión aos centros. Caballero reivindicou así o esforzo económico municipal en materia educativa e reiterou que “en Vigo” é o Concello quen está asumindo numerosos gastos.
“A que espera a Xunta para poñer a gratuidade nos libros de texto?”, preguntou Caballero, que insistiu en que a medida debe adoptarse xa e permitir que as familias recuperen o gasto realizado neste inicio de curso.