Escoitar

O Marco ofrece unha exposición fotográfica sobre variacións en España 1900-1980

O MARCO de Vigo presenta esta nova mostra sobre fotografía, titulada FOTOGRAFÍA E ARTE. Variacións en España 1900-1980, coa que se completa a programación expositiva deste trimestre centrado na fotografía do século XX e na súa dimensión cultural e artística.A exposición poderase visitar desde o 6 de febreiro ata o 16 de maio de 2004.

venres, 6 feb 2004
1076078058marco.jpeg
Foto de Josep Renau e colaboradores
Nesta ocasión trátase dunha síntese da historia da fotografía en España entre 1900 e 1980. O subtítulo "Variacións en España" constitúe o eixo temático da exposición. En efecto, non se trata dunha mostra sobre fotógrafos españois, senón dunha exposición de fotografías realizadas en España (ou sobre España) en distintos momentos históricos, sexan ou non obras de autores estranxeiros, e nisto reside un dos seus grandes valores.

Os límites cronolóxicos da mostra son o comezo do século XX e os anos da transición á democracia, un peche escollido non so polo seu significado simbólico, senón tamén por ser o momento no que a historia da fotografía deixa de ter sentido como relato independente e pasa a se converter nun fragmento dunha narración máis ampla: a historia da cultura visual.

Os traballos mostrados –en boa parte inéditos, e moitos deles vintage ou fotos de época– proveñen de coleccións privadas, que adoitan ser as dos propios autores ou das súas familias, así como de coleccións públicas: Archivo General de la Administración (Alcalá de Henares), Biblioteca Nacional (Madrid), Bill Brandt Archive (Londres), Center for Creative Photography (Tucson, Arizona), Fondo Fotográfico Universidad de Navarra (Pamplona), Georges Eastman House (Rochester, Reino Unido), Instituto de Crédito Oficial (Madrid), Instituto Valenciano de Arte Moderno (Valencia), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (Madrid), Museu d’Art Contemporani de Barcelona, Museo de Pontevedra, Residencia de Estudiantes (Madrid).

Son 38 autores e máis de 300 obras que nos falan das relacións entre fotografía e arte, que nos ofrecen unha pluralidade de olladas desde e sobre o territorio español, que nos amosan os cruces entre distintos xéneros pictóricos/fotográficos como o retrato e a paisaxe, ou entre recursos plásticos e tecnolóxicos; que nos invitan a ser testemuñas do que aconteceu na arte da fotografía no derradeiro século.

Desde o punto de vista museístico, a importancia desta mostra reside non so na magnífica calidade das obras expostas e na variedade de documentación complementaria, senón tamén no que supuxo de esforzo de colaboración entre distintas entidades: a coproducción do Centro Atlántico de Arte Moderno de Las Palmas e o MARCO de Vigo, coa colaboración, neste caso indispensable, de La Fábrica / PhotoEspaña. Non en van o comisario, Horacio Fernández, é na actualidade director artístico de PhotoEspaña 2004, o máis importante festival de fotografía no ámbito nacional.
Descargar todas as imaxes