Escoitar

Entrega dos premios "Galegas destacadas"

A asociación de mulleres "Diálogos 90" entregará os premios "Galegas destacadas 2003",no transcurso dunha recepción oficial que se celebrará o sábado 7 de febreiro ás 13:00 nas dependencias da Alcaldía. No acto tamén entregarase a medalla da Asociación Concepción Areal e unha placa conmemorativa do Concello á Marcha Mundial das Mulleres.

xoves, 5 feb 2004
As distincións da asociación "Diálogos 90"recaerán nesta edición en Marita Poyatos Suárez do colectivo "Fase de Encuentro"; da profesora e escritora Fina Casalderrei e da deportista María Teresa Portela. Estes galardóns distinguen, desde 1993, o traballo de mulleres destacadas tanto polo seu público recoñecemento como por desempeñar o seu labor no anonimato. Luz Casal, Carmen Avendaño, Luz Pozo Garza, Rosa Fontaíña, Aida Fernández , Xohana Torres ou o labor das mulleres perante a marea negra foron algunhas das mulleres condecoradas nas pasadas edicións.

No transcurso do acto Dolores Cordobés, en nome da Asociación Concepción Areal, entregará a medalla da asociación a Soledad García Farjardo. Pola súa banda, a alcaldesa Corina Porro, fará entrega dunha placa conmemorativa do Concello de Vigo á Marcha Mundial das Mulleres que recollerá Luísa Ocampo Pereira.

Este acto organízase co gallo da celebración da efeméride do pasamento da ilustre pensadora e escritora Concepción Arenal. Previo ao momento de entrega das distincións, realízase unha ofrenda floral no monumento funerario desta célebre galega situado no cemiterio de Pereiró.