Escoitar

A Asociación de Desenvolvemento Rural da Mancomunidade de Vigo convoca novas liñas de axuda para a dotación informática de empresas e asociacións

A Asociación de Desenvolvemento Rural da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo (ADR–MAIV) vén de convocar un réxime de axudas que, abranguidas no ámbito de actuación do programa PRODER II, pretenden facilitar a asociacións, empresas e conxunto da poboación o acceso ás tecnoloxías da información e a comunicación. Por isto, a ADR-MAIV presenta catro liñas de axuda que se concretan da seguinte forma: dotación informática de asociacións, dotación informática de empresas, sensibilización cara ás novas tecnoloxías da poboación en xeral e sensibilización cara ás novas tecnoloxías das empresas.

mércores, 28 xan 2004
A primeira liña de axuda, referente a dotación informática de asociacións, ten por obxectivo proporcionar a ditas entidades os equipamentos informáticos e as ferramentas telemáticas necesarias para mellorar a súa xestión. Así, subvencionarase ata o 50% da compra ou renovación de equipos (hardware) ou programas informáticos (software) e realizaranse acordos de colaboración con empresas comercializadoras de hardware e software ós que poidan acollerse as asociacións coa fin de reducir os seus custos.

Con respecto a liña de axuda destinada a dotación informática de empresas, perséguese actualizar o equipamento informático das propias empresas para que poidan ter a capacidade necesaria para incorporarse ás novas tecnoloxías da comunicación e así mellorar a súa xestión. Con esta finalidade, concederanse axudas de ata o 25% da inversión para a adquisición ou renovación de equipos e programas, así como para a compra e personalización de software informático B2C e B2B, que permita as empresas introducirse comercialmente nas novas tecnoloxías da información e a comunicación. Como no caso das asociacións, tamén se chegará a acordos con empresas comercializadoras de hardware e software.

Coa terceira liña de axuda incluída nesta convocatoria, sensibilización cara ás novas tecnoloxías da información e comunicación para a poboación en xeral, búscase familiarizar ó cidadán no uso da telemática nos procesos da vida cotiá. Con este obxectivo, promóvense axudas (que poden chegar ó 100% de subvención) para a implementación de eventos concretos de sensibilización, dirixidos a pór en contacto á poboación coas tecnoloxías da información e a comunicación. Poderán solicitar as subvencións desta liña de axudas administracións locais, asociacións ou fundacións.

Por último, a liña de axuda relativa á sensibilización cara ás novas tecnoloxías da información e comunicación para empresas pretende introducir a informática e Internet nos procesos organizativos, productivos e comerciais das empresas. Así, subvencionaranse (ata o 100% do seu custe) eventos concretos de sensibilización que informen e conciencien as empresas sobre o uso das tecnoloxías da información e a comunicación. Tanto empresas como asociacións empresariais e profesionais poderán ser beneficiarias destas axudas.

O prazo de presentación de solicitudes para acollerse ós beneficios previstos nas diferentes liñas de axuda remata o día 12 de marzo. Só as asociacións ou empresas que teñan sede ou centro de traballo no ámbito de aplicación do programa PRODER II ADR-MAIV poderán acceder a ditas axudas.

Programa PRODER II ADR-MAIV. Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo
Teléfono: 986 42 33 66 ext. 14