Vigo celebra o San Xoán con fogueiras, sardiñadas e festa
O alcalde desexa que a cidade pase unha “magnífica festa de San Xoán”, nunha noite na que se organizarán ata 27 celebracións, entre fogueiras, sardiñadas e festas.

O Concello traballa nestes momentos con 27 celebracións entre as que hai fogueiras, sardiñadas e festas diferentes, algunhas aínda pendentes de autorización. Tal e como explicou o rexedor, os bombeiros visitaron durante a mañá os espazos nos que se farán os lumes e pola tarde seguirán revisando a forma na que se están montando.
Na noite deste luns haberá celebracións no Casco Vello alto, Praza do Berbés, Praza da Miñoca, Parque Joaquín García Picher, Alameda de Bouzas, Torreiro de Alcabre, Zamáns, Saiáns, Val Miñor, ETEA, Camiño Liñares, Navia, Monte da Mina, Matamá, Valadares, Bembrive, Candeán, Cabral, San Andrés de Comesaña, Coruxo, Freixeiro e Beade.
O alcalde quixo lembrar que non están permitidas as fogueiras nas praias, parques e xardíns de titularidade municipal, no ámbito do centro histórico, e tampouco poden facerse preto de calquera elemento que forme parte do patrimonio histórico ou cultural.
O Concello pon a disposición das organizacións que o soliciten contedores para apoiar a recollida de lixo naqueles sitios onde fagan fogueiras. Amais refórzase o transporte urbano, tanto nocturno como diúrno. Desde as 19 horas deste luns, quedan reforzadas as liñas regulares a Samil.