Escoitar

A Oficiña Municipal de Voluntariado continúa coas actividades do Programa Ambiental 2003

O Programa de Formación de Voluntariado Ambiental 2003, organizado pola Oficiña Municipal de Voluntariado (OMV) da Concellería de Participación Cidadá e que se ven realizando ao longo do mes de novembro, está desenvolvendo un Seminario sobre o Voluntariado Ambiental, que baixo o título de “O Papel do Voluntariado Ambiental no Municipio de Vigo” tivo lugar os días 18 e19 de novembro.

mércores, 19 nov 2003
A sede da Aula Sociocultural CaixaGalicia (Rúa Policarpo San, 21) acolle a varios ponentes que analizan a acción voluntaria ambiental no marco post-Prestige. Entre os asistentes ao seminario destacan figuras responsables da Plataforma Nunca Máis, dos colectivos ecoloxístas ADEGA e ERVA-Ecoloxistas en Acción, ademais de profesores da Universidade de Vigo, que tratan desda as súas experiencias a xestión do voluntariado ambiental en Vigo.

Ao longo da primeira das sesións alcanzáronse conclusións relevantes relacionadas coa xestión por parte do colectivo ecoloxista ADEGA. O responsable, Xavier Vázquez Pumariño, suliñou a necesidade de profesionalizar a acción voluntaria ambiental para evitar que as súas actividades causaran máis problemas que a propia catástrofe (as dunas de Corrubedo son un exemplo de cómo unha acción seria e profesional dos voluntarios ambientais poden axudar a mellorar a xestión da crise). Pola súa parte, Xosé Sánchez, de Nunca Máis, abriu un debate sobre a acción reivindicativa e de voluntariado, destacando as dúbidas que o seu inicio se plantexaron no seno da plataforma sobre as actividades do voluntariado ambiental.

Ainda que a entrada foi libre, o seminario está dirixido principalmente aos alumnos asistentes aos cursos promovidos pola OMV nun número de trinta persoas, que comezan a súa formación teórica e práctica, para conseguir mellorar os seus coñecementos, habilidades e destrezas con vistas a futuras actuacións en materia de voluntariado ambiental no Concello.

As actividades formativas da Oficiña Municipal do Voluntariado, no marco do Programa de Formación de Voluntariado Ambiental 2003, contan como profesores con profesionais no mundo do voluntariado, educadores ambientais, especialistas en xestión medioambiental local e máis expertos na xestión de equipos voluntarios. A satisfacción polos contidos dos cursos é moi elevada e o rendemento que se espera deles está dirixido a consolidar a un equipo de voluntarios ambientais que poidan actuar de xeito rápido e preparada ante situacións de crise e catástrofes ecolóxicas como a do Prestige.

A última actividade do Programa de Formación será o día 4 de decembro na Aula Sociocultural de CaixaGalicia de 20:30 a 21:45 horas, coa posta en marcha dunha mesa redonda na que se analizarán os retos dos concellos ante o voluntariado ambiental en situación de crise.