Escoitar

A humanización da Avenida de Madrid dá un paso máis coa licitación das obras

O Portal de Contratación do Estado vén de publicar a licitación da remodelación da vía de entrada e saída á cidade que teñen un importe de case 17 millóns de euros financiados polo Concello e o Goberno de España.

luns, 19 ago 2024

O alcalde explicou hoxe que con este novo paso a “humanización avanza de forma imparable” coa previsión de estar rematada no ano 2026.

O Portal de Contratación do Estado ten publicada a licitación das obras de remodelación da Avenida de Madrid que acada un investimento total de case 17 millóns de euros dos que o Goberno de España financia o 70%, o Concello o 30% e a Xunta de Galicia “pon cero euros; exactamente coma sempre”, puntualizou Caballero.

Coa humanización, que afectará a 2,37 quilómetros desde a Praza España ata o seminario, a Avenida de Madrid quedará plenamente integrada na cidade, transformándose nunha auténtica vía urbana; “un novo bulevar, nova forma de entender a Avenida que pasará a ser parte urbana da cidade”.

Pleno Extraordinario

Abel Caballero informou tamén da celebración este martes 20 de agosto dun Pleno Extraordinario, para aprobar “un aumento orzamentario para investimentos e outros gastos do Concello” con cargo ao remanente líquido de tesourería do ano 2023.

Entre outros proxectos, quedará aprobado o orzamento de 1.146.000 euros para a humanización da rúa Lepanto e 1,8 millóns para a humanización de Serafín Avendaño-García Barbón-Halo para completar o corredor vertical con ramplas mecánicas e, dentro do programa Vigo Vertical, acometeranse as obras das ramplas de Pintor Colmeiro e Pintor Lugrís que inclúen as humanizacións das rúas. Ademais realizarase a posta en valor dos xardíns históricos de Castrelos, a liquidación definitiva do Pazo da Raposeira, a cuberta da pista deportiva de Zamáns, a escultura de Domingo Villar na Praza de Compostela, o remate do Halo ou a cubrición do Tranvía de Praza América.

Descargar todas as imaxes