Escoitar

O Paseo do Lagares medra case medio quilómetro á altura do polígono de Miraflores

Abel Caballero, acompañado pola tenente de alcalde, María José Caride, visitou o Polígono de Miraflores este venres xunto a integrantes da comunidade de propietarios que cederon o solo que permitirá construír un tramo de paseo nesa zona para completar a senda peonil desde Cabral ata o mar.

sábado, 20 xul 2024

O goberno municipal avanza na construción do Paseo do Lagares ampliando a senda en “case medio quilómetro” á altura do Polígono de Miraflores, na marxe dereita do río. Unha zona na que, nestes momentos, “non existe paseo” e que agora poderá construírse coa cesión de terreo por parte da Comunidade de Propietarios do Polígono de Miraflores-Sárdoma-Moledo a quen o alcalde “agradeceu” o acordo, que fará posible “ir paseando desde o inicio do paseo ata a desembocadura do río”.

Cun investimento de case 300.000 euros, o obxectivo municipal é facer do Paseo do Lagares “un referente”, unha vez que xa quedou aprobado definitivamente o proxecto, a previsión é que as obras se prolonguen durante tres meses. Executarase un tramo de 2,5 metros de ancho e 426 de longo, con zonas conectadas mediante unha pasarela peonil de madeira.

A obra permítenos recuperar as marxes degradadas do río Lagares coa plantación de vexetación e árbores e contribúe a resolver o problema de acceso ao río xa que, na actualidade, camións, coches, peóns e ciclistas circulan conxuntamente por unha vía no interior do polígono que non está na beira do río.

De forma paralela, o Concello está rematando o paseo do Lagares entre Manuel Álvarez e a Avenida de Madrid, un tramo de máis de 3 quilómetros, de xeito que o río acadará os 12 quilómetros desde o inicio, á altura do mercado de Cabral ata a desembocadura”.

 

Descargar todas as imaxes