O MARCO súmase ao Día do Libro coa promoción dos catálogos dos artistas que expuxeron recentemente
O alcalde presentou este mércores as actividades organizadas polo Museo de Arte Contemporánea de Vigo para conmemorar o Día do Libro o próximo 23 de abril. Arrincan coa presentación hoxe das publicacións máis recentes das obras de 6 artistas que expuxeron as súas obras no museo, así como con dous encontros abertos ao público protagonizados por estes creadores.
![](https://xornal.vigo.org/storage/images/opt/rRpNNPkFz9Pg5CQvxGrjSQ3H4imZgyYpnuvOUy2M.jpeg)
Abel Caballero, acompañado no acto polos artistas Din Matamoro, Andrea Costas, Manuel Vilariño e a Bosco Caride, así como polo concelleiro de Cultura, Gorka Gómez, destacou o valor dos catálogos publicados coa obra dos artistas que exhiben a súa obra no museo de referencia da cidade. “Esta experiencia made in Vigo de libro e pintura transfórmase en algo máis, na narración dialéctica dos propios autores e na posición dun gran experto, do director do MARCO, Miguel Fernández-Cid, dunha forma marabillosa”, explicou o alcalde.
O museo, no seu centro de documentación, pon ao dispor dos interesados os catálogos das exposicións de Din Matamoro, Andrea Costas, Teresa Mouro, Rosendo Cid, Mónica Alonso e Manuel Vilariño. O alcalde reiterou o seu obxectivo de conseguir unha dinámica propia para o MARCO que xere un novo costume polo que todas as persoas que transiten pola rúa do Príncipe se deteñan a contemplar as mostras.
O ciclo de conversas comeza este sábado 20 de abril con Mónica Alonso e Andrea Costas Lago, que serán presentadas por Miguel Fernández-Cid.
O 23 de abril foi programada, conxuntamente cos clubes de lectura do Marco e da Biblioteca Neira Vilas, a charla “Disquesomos. Creatividade e edición na Galicia de hoxe”, con María Road, María Solar e Raquel C. Pico, conducida por Tamara Novoa.
O xoves 25, a partir das 7 da tarde, o director do MARCO conversará cos artistas Rosendo Cid e Manuel Vilariño O Venres 25, Din Matamoro e Teresa Moure serán os protagonistas do coloquio que comezará ás 19.00 horas.
![](https://xornal.vigo.org/storage/images/opt/rRpNNPkFz9Pg5CQvxGrjSQ3H4imZgyYpnuvOUy2M.jpeg)
![](https://xornal.vigo.org/storage/images/opt/pI4i64HAQ6LCpn7TPOij9SBzvWN1fQeeQBakxV08.jpeg)