O III Ciclo de Montaña, Medio Ambiente e Cambio Climático ofrece a visión de tres relevantes expertos internacionais
O Concello de Vigo reafirma a súa colaboración co Club Peña Trevinca e a Universidade de Vigo na nova edición do Ciclo de Montaña, Medio Ambiente e Cambio Climático, organizado con motivo do Día Mundial do Clima. A terceira edición, presentada este martes pola concelleira de Medio Ambiente, Nuria Rodríguez, a directora de medio ambiente da Universidade de Vigo, Delfina Couce, e polos directivos do club de montaña, celebrarase durante os días 19, 20 e 21 de marzo no Auditorio Municipal, e contará coa intervención de tres autoridades de referencia internacional: Carlos Soria, Joaquín Araújo e María José Sanz.
A concelleira de Medio Ambiente do Concello de Vigo, Nuria Rodríguez, explicou hoxe que o éxito das dúas primeiras edicións do Ciclo de Montaña, Medio Ambiente e Cambio Climático, que se constatou con aforos completos para asistir ás distintas conferencias, dá paso ao programa da terceira edición, que está estruturado ao redor de tres relevantes personalidades do alpinismo e da ciencia “que nos axudarán a comprender moito mellor todos os cambios e todo o relacionado co medio ambiente”.
O Club Peña Trevinca, que celebra este ano o 80 aniversario da súa creación, referenda co terceiro ciclo de conferencias a súa sensibilidade polo medio ambiente e o cambio climático, segundo destacou hoxe o seu presidente, Lois Faro. Por terceiro ano, os organizadores apostan por manter o “elevado listón” das dúas convocatorias anteriores, e volver contar con deportistas e científicos de prestixio recoñecido internacionalmente.
Así o avanzou a vogal do Club Peña Trevinca, Cristina Fernández, ao detallar que o ciclo arrincará o 19 de marzo coa conferencia do veterano do alpinismo español Carlos Soria, titulada “Nunca hai que renderse”, coa que achegará a súa persoal visión da importancia de “conservar uns obxectivos para chegar á súa idade- 85 anos- cunha gran vitalidade”. A segunda intervención, o día 20, estará protagonizada polo escritor e naturalista que traballou con Félix Rodríguez de la Fuente, Joaquín Araújo, coa conferencia “Cultivando colapsos” coa que trasladará a transcendencia de coidar os ecosistemas e de manter en bo estado os recursos naturais. A directora do Centro Vasco polo Cambio Climático e unha das expertas internacionais en cambio climático, María José Sanz, pechará os relatorios abordando os problemas do cambio climático non só desde a perspectiva dos problemas que xera senón como unha oportunidade “para avanzar cara a unha neutralidade climática xusta e responsable entre todos”.