O alcalde valora o “extraordinario” proxecto seleccionado para a construción de vivendas e espazos dotacionais en Barreiro
O primeiro premio do concurso de ideas fallado hoxe foi para H.E.Co (Híbrido, Ecolóxico e Cohabitacional), un proxecto que recolle a construción de 88 vivendas, tamén de protección pública, un centro cívico, auditorio e aparcamento. “Un espazo referencial para uso cidadá” en Lavadores.
O Concello fixo público este venres o fallo do xurado do concurso de ideas para a construción dun complexo dotacional e de vivendas de protección pública en Barreiro, en Lavadores. Presentáronse 22 propostas das que foron seleccionadas 5: o primeiro premio é para H.E.Co, o segundo para Camiños Comúns, o 3º premio é para a proposta O Plátanos e os 1º e 2º accésit son para os proxectos 492 Estancias e 1050.
O alcalde cualificou de “extraordinario” o proxecto gañador presentado pola UTE Ayllón Paradela de Andrés, Proyectos de Arquitectura (Madrid) conformada polos arquitectos Javier Alejo, Verónica Paradela e Javier de Andrés de Vicente. Tal e como avanzou, H.E.Co (Híbrido, Ecolóxico e Cohabitacional) propón 88 vivendas en distinto formato (1, 2, 3D, dúplex/cohousing, no que “tódalas vivendas teñen zona exterior e dúas frontes, unha enorme luminosidade e galería exterior”.
O proxecto recolle que haberá un ala do complexo dedicada a vivendas colaborativas con salas comunitarias diferenciando a posibilidade de destinalas a persoas maiores ou xente moza; un aparcamento con 88 prazas e un número importante de vivenda públicas “accesibles para a xente nova que se independiza”, apuntou o rexedor.
Sobre a edificación, Abel Caballero destacou o grande auditorio de máis de 300 butacas, unha sala de lectura-biblioteca de 140 prazas, un centro cívico con diferentes espazos para uso de entidades cidadás e dependencias municipais para centros de atención cidadá. “Estamos diante dunha obra singular que supera os 20 millóns de euros de orzamento”, quedando encargados os gañadores do concurso de elaborar o anteproxecto e o proxecto que ten un valor de 850.000 euros.
O rexedor puxo en valor o proxecto gañador: “Lavadores necesita un espazo referencial, común, que poida ser usado pola cidadanía e as asociacións, para concertos, representacións... un ámbito de reunión, de encontro, convivencia, acción cultural e musical. Un ámbito imprescindible”.