O Concello destaca o "esforzo" que conleva a celebración do "XXXIII Salón do Automóbil"
A terceIra tenente de alcalde, Elena Espinosa, acudiu esta mañá á presentación da nova edición do evento, celebrado na sede da Cámara de Comercio de Vigo. Acompañada de numerosas autoridades, entre elas a concelleira de Turismo, María Lago, quixo resaltar "o compromiso do Concello de Vigo con esta cita" e aproveitou para convidar a toda a cidade.
O Salón do automóbil e a motocicleta de Vigo celebra a súa 33ª Edición, do 6 ao 10 de marzo no IFEVI. Elena Espinosa recalcou a gran labor que realiza "a maior exposición comercial de motor de toda Galicia", que reúne unha vez máis aos principais concesionarios da comarca, para ofrecer nun mesmo espazo todo tipo de vehículos.
Nesta edición contará cunha exposición duns 20.000 m², que albergarán 45 marcas dispoñibles (30 de coches e 15 de motos), convertendo o salón nunha cita imprescindible para todos aqueles que estean a pensar en renovar o seu vehículo. Tamén existirá un crecente protagonismo das motos, que continúan ocupando un gran espazo neste certame. O mércores e xoves o horario será de 16:00 a 21:00 horas, mentres que venres, sábado e domingo abrirá ás 11 da mañá ata as 21.00 horas.
Complementarase cunha gran oferta de entretemento, con pista de karts infantil gratuíta e varias exposicións, entre elas a de espectaculares superdeportivos. A gran novidade é a marca de automóbiles chinesa Omoda, que elixe Vigo para mostrarse ao gran público por primeira vez en España. Tamén cabe destacar unha exposición única que reunirá varios modelos de Aston Martin que quizá nunca se volvan a poder ver reunidos nun mesmo espazo. Ademais, este 2024 cúmprese o 50 aniversario de Volkswagen Golf, un fito que ocupará o seu propio espazo no Salón do automóbil cunha exclusiva caseta mostrando todas as súas evolucións.