O Pleno aproba 5,8 millóns para becas de libros a 28.500 estudantes
O Pleno da Corporación Municipal aprobou este luns unha modificación orzamentaria de 5,8 millóns de euros para conceder 28.500 becas de libros de texto ao alumnado de Educación Primaria, Secundaria Obrigatoria, Formación Profesional Básica e Especial.
A partir do 17 de novembro os beneficiarios da segunda convocatoria das becas de libros, cun importe de 205 euros por estudante, poderán tramitar a súa petición, tras ser aprobado cambio do orzamento que permite activar as axudas extraordinarias.
O concelleiro de Orzamentos e Facenda, Jaime Aneiros, puxo en valor os 10 millóns de euros que o goberno municipal de Vigo destina a axudas á educación. Lembrou que aos 2,5 millóns de axudas ordinarias a becas de comedor súmanse os 5,8 millóns do financiamento extraordinario para comprar libros de texto e que trátase de 600.000 euros mais que en 2022. “Trátase do maior investimento en educación que fai un goberno local en España, e mesmo un autonómico”, incidiu Aneiros ao argumentar que o executivo presidido por Abel Caballero realiza “unha política redistributiva e de apoio aos mozos”, porque o apoio aos escolares realízase coas achegas dos vigueses. Destacou que dos 28.500 beneficiarios 15.000 son alumnos de primaria e 11.500 de secundaria. "Aí focalízanse as axudas extraordinarias", sinalou .
Aneiros lembrou que a Xunta, gobernada polo PP, non recuperou a gratuidade dos libros de texto que existiu no mandato do PSdeG-PSOE.
O portavoz do BNG, Xavier Pérez Igresias, expresou o apoio ás becas de libros ao tempo que manifestou o seu desacordo co sistema de adxudicación, ao demandar que se realice en función dos ingresos e as rendas para “incrementar as contías a quen máis o necesite “ e porque defende que “non todas as familias padecen igual os efectos da crise”. Amais, os nacionalistas pediron que estas becas deberían adicarse ao estudantado da ensinanza pública e non a aqueles que acoden á concertada "para a promoción da educación pública". Miguel Martín, concelleiro do grupo municipal do PP, urxiu a que as bolsas se manteñan en futuros cursos e deixen de ser extraordinarias. Sinalou que a Xunta mantén un sistema progresivo de concesión de bolsas e non “unha tarifa plana” como a que asegura que existe en Vigo. O Grupo Socialista e o Grupo Popular votaron a favor.
Ascensor HALO
O Pleno tamén aprobou a modificación orzamentaria para o remate das obras do ascensor HALO. Deste xeito, o novo elemento do Vigo Vertical sumará 2 millóns pola suba de prezos de materiais, a inflación, a modificación do proxecto coa mellora da zona do Círculo de Empresarios, a anticipación da finalización da obra para a pronta apertura do túnel de Lepanto e a inversión en seguridade con materiais de mellor calidade. Así explicouno o edil de Facenda, Jaime Aneiros, que reivindicou este elemento de mobilidade sostible que une dous áreas da cidade onde viven 40.000 persoas: “Teremos unha cidade máis conectada y máis verde”, puxo de manifesto. A obra está cofinanciada cos fondos europeos Next Generation EU do Goberno de España que adica case 6 millóns de euros a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Desde a oposición, o BNG criticou a inversión que fai o goberno local no distrito 1 e pediu “o mesmo en empeño de inversións noutras zonas da cidade”. Desde o PP lamentaron que “as grandes obras se lle atragoan ao goberno da cidade”. Aneiros lembrou ao Partido Popular que a Xunta ten 55 obras afectadas pola inflación e o sobrecusto, case un 60%, e atraso que tivo a obra da Cidade da Xustiza, máis de dous anos. Por outra banda, respondeu ao voceiro do BNG afirmando que “se inviste máis nas parroquias que nunca, con asfaltados, beirarrúas e novos espazos para o ocio da cidadanía, non ocorría cando goberna e cogobernaba o BNG nesta cidade”.
A modificación orzamentaria para levar adiante da obra do ascensor HALO saíu adiante cos votos favorables do Grupo Socialista. Os grupos municipais do PP e BNG votaron en contra.