Corenta nenos e nenas de Vigo poderán participar na Cabalgata de Reis
O día 5 de xaneiro as súas Maxestades de Oriente volverán a Vigo para participar na Cabalgata de Reis. A través do concurso Vente cos Reis Magos, corenta nenos e nenas, acompañarán ás SS.MM no seu percorrido pola cidade.
O Concello xa está a organizar a tradicional Cabalgata de Reis, que baixo a temática de Mar e fantasía, terá lugar o día 5 de xaneiro de 2024. Nesa liña e como vén sendo habitual, o concello ofrece ás nenas e aos nenos da nosa cidade a posibilidade de participar activamente neste evento, mediante a convocatoria do concurso: “Vente cos Reis Magos”. A iniciativa ten por obxecto seleccionar a corenta nenas e nenos da cidade para acompañar ás súas maxestades nas carrozas reais, dentro da comitiva real.
Este concurso ten como única limitación a idade dos participantes por motivos de seguridade. Nesta edición só poden participar aqueles nenos e nenas nacidos entre o 1 de xaneiro de 2011 e o 31 de decembro de 2015.
O prazo de inscrición será do 20 de novembro ao 10 de decembro de 2023, ambos incluídos. Finalizado este período, elaborarase unha lista de participantes e, posteriormente, convocarase sorteo público. Para participar será preciso cumprimentar unha solicitude que se poderá descargar da páxina web municipal (www.vigo.org); así mesmo repartiranse exemplares destas solicitudes entre os centros cívicos, colexios e asociacións culturais do termo municipal. Só se aceptará unha solicitude por nena/o e os pais, as nais ou as persoas titoras dos nenos seleccionados terán que asinar a pertinente autorización ou, se é o caso, a renuncia expresa.
As solicitudes depositaranse nas caixas de correos do Carteiro Real que se instalarán na entrada á Lonxa da Casa do Concello e nos Centros cívicos de Teis, Casco Vello, Coruxo e Saiáns.
As bases de participación para este concurso publicaranse mediante anuncio na páxina web municipal www.vigo.org.