Escoitar

O Concello adquirirá unha parcela do ADIF para erguer o novo centro de Alborada

O Consello da Xerencia dará conta a próxima semana do inicio do expediente para a compra directa da parcela situada na rúa Isaac Peral, esquina con García Barbón, que é propiedade do ADIF.

venres, 8 set 2023
O rexedor durante a súa última visita a Alborada en febreiro de 2023
O rexedor durante a súa última visita a Alborada en febreiro de 2023

Trátase dunha parcela desafectada do uso ferroviario, que terá como destino o uso dotacional, tal e como recolle o expediente do que informará a Xerencia de Urbanismo no Consello do vindeiro martes, 12 de setembro.

Atendendo á petición da Asociación cidadá de loita contra a droga, Alborada, da necesidade de mellorar as súas instalacións para poder ofrecer unha mellor atención aos sus usuarios, o Concello e ADIF acordaron a venda desta parcela, situada en fronte do actual centro da entidade. As novas instalacións ergueranse, polo tanto, ao carón das actuais cun “mellor local” e permitindo un “mellor tratamento para estas persoas, coa dignidade que merecen”, sinalou o rexedor que engadiu que desde o goberno de Vigo “seguimos facendo política social desde Vigo en favor da xente que o necesite”.

Concurso de ideas para Barreiro

O Consello da Xerencia dará conta a próxima semana da composición do xurado que examinará as 22 propostas recibidas en relación á contratación do concurso de proxectos para construír unha edificación dotacional e de vivendas de protección pública en Barreiro, en Lavadores.

O rexedor adiantou que a presidenta será María José Caride, concelleira delegada de Urbanismo e contará con técnicos de Urbanismo e arquitectos designados polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

O concurso de ideas, cun orzamento de 868.160 euros, contempla premios para os 3 primeiros finalistas e dous accésits. O gañador desenvolverá o proxecto que prevé uso dotacional e residencial, coa proposta dunha edificación en U cun número máximo de 4 plantas. A previsión municipal é destinala a uso dotacional para un centro cívico con espazo para talleres de actividades e tarefas ocupacionais, sala de lectura e estudo e un auditorio con capacidade mínima para 340 prazas e 54 vivenda. O importe global das obras previstas ronda os 20 millóns de euros.

Descargar todas as imaxes