Escoitar

O Concello ampliará en tres meses o prazo de vixencia do Instrumento de Ordenación Provisional

O alcalde informou este xoves da decisión do goberno municipal, referendada polo secretario municipal, coa se resolve o problema do decaemento da vixencia do IOP ampliándoa ata o 5 de xaneiro.

xoves, 7 set 2023
O alcalde nunha foto de arquivo
O alcalde nunha foto de arquivo

“Imos ampliar en 3 meses o prazo de vixencia do Instrumento de Ordenación Provisional, de modo que se manteña vixente ata o 5 de xaneiro”, explicou Abel Caballero. A vixencia deste instrumento decaería o 5 de outubro, polo que con esta ampliación o Concello resolve o problema.

O rexedor explicou que o goberno de Vigo prevé aprobar provisionalmente o PXOM este ano, antes do 5 de xaneiro, polo que o Instrumento de Ordenación provisional estará vixente ata a aprobación definitiva. “Temos resolto o problema da caducidade do IOP”; a aprobación definitiva será no primeiro semestre de 2024 e prorrogando o Instrumento tres meses, este terá plena vixencia. “Sorprende a actitude negativa do Bloque e do Partido Popular que van xuntos sempre á contra da cidade porque poderían propoñer esta solución pero están nun posicionamento destrutivo coa cidade”.

Tal e como apuntou, o Concello segue coa tramitación do PXOM pero, polo camiño, “sucederon cousas” como a pandemia da Covid-19 ou o atraso de 13 meses dalgúns informes da Xunta de Galicia sen dar ningunha explicación. Adicionalmente, o Concello para garantir a participación da cidadanía incrementou un 50% o prazo de exposición ao público do documento e de presentación de alegacións, pasando do mínimo legal establecido na Lei do Solo de Galicia.

Agora, o goberno municipal adopta a decisión de ampliar tres meses a vixencia do IOP, referendada polo secretario municipal, perfectamente legal, e ao amparo da Lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Deste xeito, habilítase un prazo de ata 3 meses para poder continuar a tramitación ata a aprobación provisional.

O informe do secretario do pleno do 1 de setembro establece a vixencia da IOP ata o 5 de outubro e recoñece a imposibilidade de aprobar provisionalmente o PXOM con anterioridade ao 5 de outubro, dados os requisitos de tramitación que ten un documento tan complexo.

O alcalde expuxo que o Concello se compromete a aprobar este ano o PXOM provisionalmente e definitivamente no primeiro semestre de 2024.

Descargar todas as imaxes