Escoitar

O Concello inicia as obras de renovación de Calexón Balado

O alcalde puxo a primeira pedra simbólica da obra de remodelación e humanización deste viario de uso peonil situado entre as rúas de Rosalía de Castro e Areal. A renovación inclúe a instalación de 7 novas árbores, así como a continuidade da de gran porte que ocupa actualmente o centro da praza.

mércores, 6 set 2023

Esta mañá arrancou a obra de remodelación de Calexón Balado, coa colocación da simbólica primeira pedra que marca o comezo das obras. O goberno local adica a esta acción un importe de 306.292 euros.

O ámbito de actuación abarca dende a intersección coa rúa Rosalía de Castro ata a baixada da rampla e escaleiras existentes na actualidade, unha extensión de 820m2. Como indicou o rexedor “modificarase a ordenación xeral da rúa, con novos pavimentos de pedra e novas ramplas” que facilitan a accesibilidade e salvan o actual desnivel, así como novos muros laterais de contención.

Outra das reformas é a renovación do saneamento, coa instalación dunha nova rede de pluviais e abastecemento. Tamén se substitúe e moderniza a iluminación co soterramento das redes de electricidade e telecomunicacións.

Caballero indicou tamén que o proxecto inclúe a mellora do mobiliario (coa colocación de bancos de pedra e papeleiras de inox) e a renovación da xardinería, cunha extensión de 96m2, con un sistema de rego automático. Aproveitou para sinalar que “quedará ocupando o centro da praza a árbore de gran porte que se encontra alí actualmente”, a maiores de instalar 7 novas árbores.

 

 

 

Descargar todas as imaxes