Escoitar

A Xerencia de Urbanismo aproba a primeira licenza de construción do Barrio do Cura

A Xerencia de Urbanismo deste martes deu conta ao Consello da aprobación da primeira licenza de obra do Barrio do Cura que prevé a construción 107 vivendas, das que unha trintena estarán suxeitas a algún réxime de protección pública.

martes, 5 set 2023
O alcalde e a concelleira de Urbanismo durante unha visita co arquitecto Alfonso Penela ao Barrio do Cura
O alcalde e a concelleira de Urbanismo durante unha visita co arquitecto Alfonso Penela ao Barrio do Cura

O alcalde explicou que a edificación que vén de recibir a licenza está composta de dúas plantas soto destinadas a 155 prazas de garaxe- aparcamento e 107 rochos, unha planta baixa con catro portais de acceso ás vivendas e 5 plantas altas destinadas a un total de 107 vivendas, das cales 30 estarán suxeitas a algún réxime de protección pública. O total da construción suma 20.028 metros cadrados de superficie e conta cun orzamento de execución de 11,5 millóns de euros.

Ademais, o Concello ten en proceso de tramitación as licenzas da escola Infantil prevista para o Barrio do Cura, un aparcamento público, o edificio Estrela e o resto do solo urbano consolidado, lindeiro á fachada da antiga capela na zona de Pi y Margall e da rúa Llorente.

Tramitación do Pxom

O alcalde avanzou este martes que, logo de recibir o informe favorable de avaliación ambiental estratéxica, o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo poderá ser aprobado de forma provisional nun prazo estimado de 2 meses e nos seguintes 6 meses poderá recibir a aprobación definitiva. En base a esta planificación, o PXOM quedará aprobado, previsiblemente, no primeiro semestre do ano 2024. “É importantísimo porque o Plan significa o presente e o futuro da cidade de Vigo”.

 

Descargar todas as imaxes