O Concello instala un novo pavimento de maior duración e seguridade na rúa Progreso
O alcalde visitou esta mañá a zona da obra, na que se investiron 15.000 euros, e lembrou á cidadanía que, co inicio do curso escolar, remata a posibilidade de aparcar os coches nas zonas reservadas para transporte de alumnado na contorna dos colexios.
Abel Caballero, acompañado por Javier Pardo, edil de Fomento, e Patricia Rodríguez, edil de Seguridade, revisou os traballos que veñen de rematar no cruzamento da rúa Progreso con Eduardo Iglesias e Doutor Cadaval. O goberno municipal investiu 15.000 euros para mellorar ese espazo da vía urbana na que se levantaron as lousas de pedra da zona de rodaxe dos vehículos e se estendeu formigón coloreado vermello ocupando todo o cruzamento das tres rúas.
O novo pavimento “ten maior durabilidade, fai menos ruído e ao ter color mellora con moito a seguridade”, sinalou o rexedor, advertindo de que se trata dunha zona peonil, e asegurou que supoñerá unha “mellora substancial do tráfico nesta zona da cidade”. Desde a pasada fin de semana xa está aberta ao tráfico para a normal circulación dos vehículos.
Seguridade viaria nos colexios
O alcalde avanzou o cambio no tráfico que supoñerá o inicio do curso o vindeiro luns, 11 de setembro. Durante as vacacións, os espazos reservados para o transporte do alumnado son de libre utilización pero, a partir do luns, recupérase a prioridade para o transporte do alumnado no horario establecido na sinalización vertical, nas horas de entrada e saída dos centros.
Por iso, recomendou aos condutores a necesidade de buscar outro aparcamento na contorna a partir do vindeiro luns. Con ese fin, o goberno municipal colocará avisos para informar á cidadanía do cambio da situación. Os vehículos que non respecten a sinalización, poderán ser obxecto da actuación da Policía para garantir o cumprimento do Plan de Tráfico municipal nos centros escolares.