A Corporación reclama á Xunta de Galicia que manteña a oferta de Formación Profesional para adultos de xeito presencial
Na moción socialista, aprobada este luns no Pleno co voto favorable do BNG e o voto negativo dos populares, rexeitase a decisión da Xunta de Galicia de eliminar ciclos presenciais de adultos converténdoos en educación a distancia.
O Pleno de Vigo demanda á Xunta de Galicia que manteña unha oferta de Formación Profesional de adultos que non supoña ningunha merma dos dereitos do alumnado a recibir un ensino de calidade.
Como indicou a concelleira de Educación, Olga Alonso, “a formación profesional debe converterse nunha peza indispensable para contar cun modelo produtivo que intensifique os procesos de creación de valor e de emprego de calidade”. A moción foi apoiada por 19 concelleiros, do Partido Socialista e do Bloque Nacionalista Galego, co voto contrario dos 5 representantes do Partido Popular.
Moción sobre a débeda da Xunta con Vigo
Na sesión plenaria desta mañá tamén recibiu luz verde unha moción socialista que esixe á Xunta reverter a débeda histórica coa cidade, que ascende a 2.780 millóns de euros. López Font criticou que “coa elección de Alfonso Rueda, tiña unha oportunidade para correxir o rumbo, pero a situación incluso empeorou”, recalcando que “o 28 de maio os vigueses e as viguesas deixaron claro a obrigación da Xunta de atender as demandas da nosa cidade”. Esta moción aprobouse con 16 votos favorables do Grupo Municipal Socialista; 3 abstencións dos nacionalistas e o rexeitamento por parte dos 5 representantes do Partido Popular.