O Concello reforza o servizo de recollida de papel e cartón comercial
Increméntase a recollida deste tipo de residuo de xeito que os establecementos comerciais poden solicitar un servizo “porta a porta” baixo demanda previa. Actualmente, existen preto de 40 puntos, entre zona Príncipe e zona Calvario, nos que os comercios poden depositar o papel e cartón.
Ao longo do ano, recóllense na cidade de Vigo un total de 550 toneladas de cartón, un feito que levou ao Concello de Vigo e FCC a estender o servizo de recollida de papel e cartón comercial a novas zonas comerciais sensibles de xerar este tipo de residuo.
O alcalde informou que o Concello pon en marcha un servizo de asistencia “porta a porta”, baixo demanda previa chamando ao 900 859 660 en horario de mañá e recollida no punto indicado pola concesionaria, a partir das 23:00 horas. Na actualidade, existen preto de 40 puntos, entre zona Príncipe e zona Calvario, nos que os comercios poden depositar o papel e cartón.
Para reforzar este servizo de recollida de cartón comercial, incorporaranse dous novos vehículos de gas natural, etiqueta ECO, de caixa aberta basculante de 10 m3.