Escoitar

Inma López Silva, protagonista este mes do encontro literario Alecrin

O Club de Lectoras de Alecrín retoma o día 25 as actividades , despois do paréntese dos meses de verán, coa presentación do libro de Inma López Silva "Concubinas", premio xerais de novela 2002. Nesta actividade colabora a Concellería de Festas e Animación Sociocultural do Concello de Vigo.

martes, 23 set 2003
A tertulia literaria será o xoves, 25 de setembro, ás 20 horas na Casa do Libro con entrada libre ó todo o público.

O Club de lectura de Alecrín naceu no ano 1993. A súa finalidade é fomentar a literatura creada por mulleres ademais de comentar e intercambiar impresións sobre os libros dende unha visión feminista.

A novela que se presenta "Concubinas" de Inma López Silva obtivo o Premio Xerais de novela no ano 2002. É unha historia de soidades e amores, sobre todo desamores, onde as protagonistas, que compoñen unha saga familiar, nai, filla e avoa, relatan como a vida lles negou o amor. Un mosaico de personaxes, espacios e voces que levan á práctica o seu convencemento de que "a historia de cada quen nace das persoas que atopa no camiño e as mulleres sempre atopan algún home no camiño'.

Inma López Silva (Santiago de Compostela 1978), licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago. Investigadora e crítica teatral, colabora habitualmente nas revistas Citania, Grial, Revista Galega de Teatro e Primer Acto, así como no xornal El Correo Gallego. É ademais, membro do consello de redacción de Dorna.Como narradora resultou premiada en diversos certames literarios dende moi nova (Manuel Lueiro Rei, Modesto Figueiredo...). É autora das novelas Neve en abril (1996), Premio Rúa Nova e Concubinas (Xerais 2002), Premio Xerais de novela. Publicou ademais o libro de relatos Rosas, corvos e cancións (2000) e participou co relato "Caso Torneiro: 1898-1975" no libro Narradoras (Xerais 2000).