O goberno local presenta o proxecto para a mellora do comercio e turismo de Bouzas
Abel Caballero deu conta da participación do Concello na convocatoria do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, financiado con fondos europeos Next Generation EU, para o fortalecemento da actividade comercial e turística, coa presentación do proxecto da rexeneración do paseo e a fronte marítima de Bouzas cunha solicitude de case 1.500.000 euros.

O Concello aprobou en Xunta de Goberno a participación na convocatoria do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para o fortalecemento da actividade comercial e turística cun proxecto no ámbito do paseo de Bouzas, enmarcada no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, financiado cos fondos europeos Next Generation EU. “É unha forma de relanzar Bouzas, de fomentar a actividade económica e o ocio cunha solicitude de 1.500.000 euros”, deu conta o alcalde.
Tamén a Xunta de Goberno aprobou recibir a subvención do Goberno de España de 3 millóns de euros, tamén con fondos provenientes de Europa, “para facer da torre do Concello un lugar mixto de utilización cidadá e traballo do Concello. Nova dimensión do século XXI. As tres últimas plantas serán de utilización cidadá”, explicou o rexedor.
En canto a recepción de fondos europeos Next Generation EU, o goberno local tamén aprobou a recepción dos 700.000 euros para a humanización da rúa Romil.





