Vigo incorpora 100 novos contedores marróns de residuos orgánicos con apertura coa tarxeta PassVigo
Como sinalou o rexedor, os novos contedores instalaranse nun total de 22 rúas e darán servizo a preto de 30.000 cidadáns.
O Concello de Vigo comeza a instalar hoxe na cidade un total de 100 contedores de residuos orgánicos con apertura a través da tarxeta PassVigo, que funciona con tecnoloxía contactless, que permite, entre outros, unha apertura mais sinxela que co antigo pedal e garante o seu correcto uso, destinado só a residuos orgánicos.
Estas unidades están destinadas á fracción orgánica, incluíndo restos de alimentos como froitas, verduras, carne ou peixe cociñados ou cascas de ovo, así como tapóns de cortiza, panos de mesa de papel, infusións ou pequenos restos vexetais. Súmanse aos 69 implantados na experiencia piloto realizada en Coia e Navia no ano 2020.
Os novos contedores marróns, que darán servizo a preto de 30.000 cidadáns, estarán presentes nun total de 22 rúas:
- A Guarda
- Alexadre Bóveda
- Av. de Castelao
- Av. De Florida
- Baiona
- Darío Durán
- Eugenio Kraft
- Garcia Lorca
- Lorient
- Manuel de Castro
- Nigrán
- Pablo Iglesias
- Ángel Llanos
- Tui
- Felipe Prosperi
- Fotógrafo Xosé Gil
- Fotógrafo Luis Casado
- Fotógrafos Irmáns Sarabia
- Ponte de Veiga
- Quintela
- Salvador Allende
- Santa María de Oia
Con este tipo de iniciativas o Concello de Vigo quere contribuír á prevención na xeración de residuos e fomentar a reutilización, a reciclaxe e a separación de residuos, para a mellora das recollidas selectivas.