O goberno local promoverá 27 vivendas protexidas en réxime de alugueiro en Esturáns
O Concello construirá 27 vivendas de protección en réxime de alugueiro en Esturáns. Trátase dun edificio de 9 plantas, con 39 prazas de aparcamento e trasteiros.
Abel Caballero avanzou esta mañá que o Concello continuará na promoción de vivenda protexida en réxime de alugueiro coa construción de 27 vivendas en Esturáns. O anteproxecto do edificio, que ten 9 plantas, conta con 39 prazas de aparcamento e trasteiros. Tal e como explicou, o proxecto está concibido para facilitar a emancipación familiar da mocidade, con 18 vivendas dunha habitación e 9, de dúas.
A inversión prevista é de 3,7 millóns e o Concello prevé presentarse a unha convocatoria de subvención de fondos Next Generation para promotores públicos ou privados que queiran construír vivenda protexida en réxime de alugueiro. A parcela, que forma parte do Patrimonio Municipal do Solo, está na mesma mazá que a residencia de maiores e a edificación residencial que se está a construír en Tomás Alonso.