Escoitar

O Alcalde insta ao fomento da solidariedade e a cultura cívica nas aulas

O Alcalde de Vigo, Ventura Pérez Mariño, inaugurou o curso escolar en catro centros públicos de Infantil e Primaria acompañando a algúns dos preto de 10.000 alumnos de entre 3 e 12 anos que hoxe se incorporaron ás aulas en Vigo.

mércores, 10 set 2003
1063212453educacion.jpg
.
As 10:00 da mañá, Pérez Mariño recordou aos estudiantes do Virxe do Rocío a importancia de ser solidarios para facilitar a integración e a convivencia entre compañeiros. Asemade engadiu que levar a cabo un bo proxecto educativo é tarefa e obriga de todos. A continuación, o alcalde dirixiuse aos estudiantes do Doutor Fleming que, por mor das obras que se están a realizar, comezarán o curso nas instalacións do Virxe do Rocío.

O rexedor, que acudiu ás 11:15 horas ao centro Chans de Bembrive e ao Rosalía de Castro, resaltou a importancia da educación no estímulo do cumprimento das normas cívicas para a convivencia na cidade.

Programas educativos

O termo municipal de Vigo conta con 43 centros de Infantil e Primaria, outros 11 exclusivamente para alumnos de idade comprendida entre os 3 os seis anos (infantil) e dous só de Primaria.

O Concello ten previsto continuar este ano traballando en distintas iniciativas de deseño, xestión e avaliación de programas de alfabetización de adultos, programas como "Vigo por dentro", dirixido a afondar no coñecemento da cidade, ou o chamado "Concurso de ideas", un programa aberto para que a comunidade educativa participe na programación municipal.

Ademais da xestión do Instituto Municipal de Educación, seguirase a traballar na mellora da Escola Municipal de Teatro, da Escola Municipal de Música e na xestión das tres escolas infantís municipais en funcionamento: Teis, Lavadores e Casco Vello. Nestes momentos está en construcción a Escola Infantil Municipal de Saiáns.
Descargar todas as imaxes