Caballero anunciou 1.800 participantes no Torneo de Nadal-Concello de Vigo de fútbol, para rematar o ano
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou a oitava edición do Torneo de Nadal-Concello de Vigo de fútbol, cuxa organización encargou a Afavi, a Asociación de Fútbol Afeccionado de Vigo, e á Fundación VIDE.
Do 26 ao 29 deste mes, de luns a xoves –polo serán–, cento doce equipos de vinte e sete clubs, vinte e tres deles de Vigo, competirán en catro categorías, tres de fútbol 8 (prebenxamín, benxamín e alevín) e unha de fútbol 11 (infantil), con nenos e nenas de 5 a 13 anos.
“Cando remate a Copa do Mundo, empezará a de verdade, que é o torneo de Vigo”, manifestou o alcalde, dando superlativa importancia ao trofeo formativo, que pecha o ano futbolístico na cidade. O evento regresa despois dunha paréntese de dous anos pola pandemia, pero mantén a idea orixinal coa que naceu en 2013. Aos clubs vigueses uniranse o Deportivo (A Coruña), o CD Lugo, o FC Porto e o Ponte Ourense, que o derradeiro día, o xoves 29, disputarán o “Súper 6”, un torneo de carácter autonómico co Celta e o campión do cadro local alevín. “Somos como o Mundial, primeiro fase de grupos e despois eliminatorias a un partido”, dixo para explicar o sistema da competición. Están rexistrados 17 equipos en categoría prebenxamín, 25 en benxamín, en alevín serán 36 (máis os catro invitados) e 24 en infantil, que competirán en seis campos: Pahiño (Navia), José Costas (Candeán), A Bouza (Coia), A Pirucha (San Miguel de Oia), Meixoeiro e Cotogrande (Cabral).
A final do cadro local alevín, que dará un primeiro campión do certame, xogarase o mércores (17:30, Meixoeiro). Para o xoves 29 están previstas, en xornada de tarde, as outras finais. A organización estima que serán uns 1.800 os participantes neste campionato, a cuxa posta de longo, ademais do concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e do director do torneo, Daniel Costas, presidente de Afavi, acudiron Chema Rodríguez (Grupo Recalvi), Carlos Calo (CdeC) e Silvia Torres (Naviera Mar de Ons) así como representantes de varios clubs (Alertanavia, Balaídos CF, CD Coya, CD Nieto, San Miguel, UD Santa Mariña e UVCD Candeán).