Escoitar

O Concello ten executado o 75% do orzamento municipal de 2022

O edil de Facenda, Jaime Aneiros, deu conta no Pleno celebrado este mércores do estado de gastos e ingresos do presuposto correspondente ao terceiro trimestre do ano 2022.

mércores, 30 nov 2022

O edil expuxo na sesión plenaria do mes de novembro os datos da execución orzamentaria do terceiro trimestre do ano 2022, logo de que o goberno municipal tramitara dúas modificacións de crédito para “mobilizar recursos propios” por importe de 35 millóns de euros, de crédito extraordinario, e de 5,2 millóns de euros para a axuda ás familias.

“Estamos mobilizando recursos públicos como nunca se fixo”, sinalou, e a finais de ano estarán en execución na rúa máis de 420 millóns de euros de recursos propios do Concello, “o que amosa a relevancia da acción pública de goberno e a dificultade de executar tal volume de recursos”. A día de hoxe, os datos de execución son dun 75% do orzamento de 2022.

Amais, o goberno municipal ten programadas execucións de investimentos por importe de 17 millóns de euros no que resta de ano e leva aboados xa 25 millóns de euros en transferencias para axudas a colectivos, familias e asociacións, sen débeda pública e pagando aos provedores nun período dunha semana “nunha xestión áxil e transparente dos recursos públicos”.

O concelleiro non adscrito, Xabier Pérez Igrexas criticou os datos presentados por Aneiros citando algunhas das partidas que “deixaron sen gastar”. Rubén Pérez, voceiro do grupo mixto, referiuse ao “fracaso orzamentario evidente” trala dación de conta, mentres Alfonso Marnotes, voceiro dos populares, aludiu ao “paradoxo” de falar de execución do presuposto cando “non son quen de facelo”.

Jaime Aneiros respondeu preguntando aos grupos da oposición se cuestionan as cifras oficiais que o Concello envía ao Ministerio de Facenda que “fiscaliza tódolos concellos de España”.

Descargar todas as imaxes