O Concello renova o torreiro das festas de San Campio en Valladares
O alcalde participou este mércores na inauguración do reformado torreiro das festas de Valladares na que se investiron 250.000 euros.

Abel Caballero celebrou a mellora que experimenta con esta obra o “lugar de encontro” da parroquia, ao ser o torreiro o lugar no que se celebran, entre outras actividades, as festas de San Campio.
A reforma, que foi unha demanda da veciñanza, contou cun orzamento próximo aos 250.000 euros que permitiu acondicionar os accesos peonís e rodados, nivelar o pavimento, canalizar e reconducir as augas pluviais, ademais de refacer o palco e o lugar de reunión veciñal. Amais, incluíuse a renovación do alumeado exterior e as instalacións no cuarto de aseo, instaláronse novas marquesiñas, bancos e papeleiras.


