Escoitar

Abel Caballero resalta o valor engadido de Conxemar na xeración de emprego e na economía da cidade

O alcalde sinalou que “nun momento de guerra en Europa, Conxemar planta en Vigo a súa bandeira da paz e da cooperación” destacando a importancia para “a economía a presenza de persoas e empresas de tantos países do mundo”.

martes, 4 out 2022

O Instituto Ferial de Vigo acolle dende este martes unha nova edición da Feira de Produtos do Mar Conxelados (Conxemar), que se inaugurou hoxe nun acto no que o rexedor estivo acompañado, entre outras autoridades, pola Secretaria Xeral de Pesca, Alicia Villauriz; polo presidente de Conxemar, Eloy García, e pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

No seu discurso, Caballero comezou sinalando a importancia da reunión inicial de onte da FAO-Conxemar, “na que xunto a profesionais de empresa e da economía, falamos do que significa o mar e as súas inmensas posibilidades”. O rexedor enfeitizou o papel de Vigo como expoñente “da pesca sostible, sobre a que ninguén nos vai ensinar”, engadindo que “somos a cidade da economía, e serémolo xunto os nosos empresarios e traballadores, a investigación, o I+D”. O alcalde tamén recordou durante o seu discurso a tripulación do Vila de Pitanxo.

Durante a súa intervención o Abel Caballero recalcou o férreo apoio a Conxemar “ante cada intento de competencia desleal” e avanzou que “imos seguir dándovos o apoio cada vez que haxa un intento de competencia desleal”.

En relación ao veto á pesca de fondo decretado pola Comisión Europea, o alcalde de Vigo amosou a súa postura frontal ante a decisión: “equivócase, tomando unha decisión sen sustento científico. A comisión ten que oír o clamor, ten que escoitar estas voces” e apelou ao Goberno de España que, ao seu entender, ten que facerse cargo da demanda xurídica e da defensa dos intereses do sector, ademais, debe pedir “a suspensión cautelar do Decreto de augas profundas, neste mesmo momento, porque non podemos esperar”, xa que dana ao sector, dana a economía e á propia alimentación. “O recurso ten que ser total e salientar o inxusto da decisión”, salientou.

O rexedor felicitou a Eloy García, presidente de Conxemar, polo traballo realizado e trasladoulle que o Concello fará “todo o posible para que o Ifevi siga sendo un lugar de feiras e de economía porque Vigo depende da economía, queremos que isto estea dedicado á economía e precisamos en Vigo moitas máis feiras continuas, unha tras doutra, este é o empeño que vamos a poñer na cidade”. En relación aos accesos ao recinto feiral, considera Caballero que “en Vigo hai que facer os accesos, ao igual que se fixeron á Cidade da Cultura”, e avanzou que o Concello presentará un proxecto á Xunta de Galicia e ao Goberno de España que teñen as competencias nesta área, ofrecendo a cooperación municipal para favorecer a Conxemar e ao Ifevi.

 

Descargar todas as imaxes