O 1 de xullo parte a Reino Unido o alumnado do programa “Vigo en Inglés” do ano 2020
O alcalde avanzou este martes a cronoloxía das viaxes previstas polo Concello para o estudantado do programa municipal de inmersión lingüística que levará ao Reino Unido e Irlanda a entre 2.500 e 3.000 alumnos da cidade entre xullo e novembro deste ano.
Abel Caballero detallou en rolda de prensa as saídas previstas dentro do programa “Vigo en inglés”, co que este ano viaxan a 70 cidades de Reino Unido e Irlanda entre 2.500 e 3.000 estudantes vigueses, coa oferta correspondente aos cursos de 2020, 2021 e 2022. O alumnado de 2021 e 2022 recibiu a bolsa municipal pero non puido gozala por mor da pandemia.
Tal e como explicou, os estudantes que recibiron a bolsa no ano 2020 sairán a partir do 1 de xullo e as familias terán a reunión previa o 9 de maio ás 19:30 horas no Auditorio Mar de Vigo. No encontro recibirán información detallada sobre a viaxe e a estadía na cidade de destino. O alumnado de 2021 sairá entre setembro e outubro para Reino Unido ou Irlanda e serán convocados a unha reunión o próximo 20 de xuño. Por último, o alumnado deste ano 2022 viaxará entre outubro e novembro, para o que as familias serán convocadas a unha reunión informativa o 27 de xuño. Os encontros terán lugar no Auditorio Mar de Vigo ás 19:30 horas.
O alcalde celebrou a posta en marcha do programa municipal de bolsas de inglés, un “proceso extraordinario”, dixo, logo do adiamento obrigado pola crise do Covid-19. O Concello oferta entre 2.500 e 3.000 prazas para realizar o curso de inglés, sendo o custo de cada praza de 2.400 euros. A bolsa municipal cobre o valor total da estadía para as familias de rendas baixas e medias mentres o alumnado de rendas altas debe pagar o 25% do custo.
Tal e como explicou Caballero, o alumnado vigués estudará a lingua inglesa en 80 cidades de Reino Unido ou Irlanda, dispoñendo de 200 monitores bilingües, o que supón unha ratio de 1 monitor por cada 12 alumnos. A bolsa do Concello inclúe a inmersión-integración cunha estadía de tres semanas, aloxados con familias nativas e formándose en preto de 70 high school ou academias, no caso de que os institutos estean pechados.
No tocante á programación das viaxes, as saídas e chegadas serán de xeito gradual, desde os aeroportos de Vigo-Madrid cara a Londres, Manchester, Dublín e Glasgow. As estadías serán en preto de 70 cidades de Reino Unido: 60 en Inglaterra, 5 en Escocia e 5 en Gales e 10 cidades en Irlanda do Norte.