Escoitar

O Concello ofrece percorridos didácticos pola ría para estudantes de 6º de Primaria

Segundo explicou Abel Caballero este martes, a iniciativa municipal “Unha xanela aberta á ría de Vigo” levará ao alumnado a bordo dun buque dotado da última tecnoloxía para coñecer a riqueza das augas, o cultivo do mexillón e as especies de flora e fauna.

martes, 26 abr 2022
Imaxe do cartel do programa educativo municipal.
Imaxe do cartel do programa educativo municipal.

Abel Caballero trasladou este martes “unha nova proposta educativa e de ocio” para os colexios da cidade, percorridos didácticos dunha hora pola ría de Vigo, guiados por monitores especializados e nunha embarcación, o Nautilus, dotada con todos os avances tecnolóxicos. O obxectivo do Concello é que, a través das explicacións e con imaxes en tempo real, os estudantes descubran a súa riqueza, a dinámica do plancto, o cultivo do mexillón e a fauna que habita no fondo da ría.

O Concello vai remitir a proposta detallada a todos os colexios da cidade con alumnado do 6º de Primaria, os estudantes aos que vai dirixida esta iniciativa pedagóxica. O obxectivo municipal é que os chicos e chicas poidan coñecer e valorar a riqueza dun ecosistema mariño único. Con saída e chegada no Real Club Náutico, cada viaxe levará a medio centenar de pasaxeiros.

Durante a expedición, os monitores explicarán o funcionamento, formación e produtividade da ría de Vigo e o fenómeno do “afloramento”, responsable da riqueza destas augas, que son motor da economía local o do cultivo do mexillón. Tamén se informará ao alumnado do proceso de cultivo deste bivalvo e se identificarán especies de fauna e flora.

Ao efecto, o Nautilus valerase de Nemo, un dron submarino que ofrece imaxes en directo en calidade 4K. O robot subacuático mostrará o cultivo de mexillón, como apoio audiovisual á explicación sobre a súa alimentación e a influencia da luz sobre os organismos fotosintéticos. Ademais o barco conta cunha pantalla xigante que proxectará imaxes da cámara dixital UHD que integra o microscopio, permitindo aos estudantes observar unha mostra de plancto vivo.

Descargar todas as imaxes