O Concello comeza a tramitación para voar desde Vigo a Londres, Bruxelas e Düsseldorf, Ámsterdam ou Dublín
Abel Caballero anunciou en rolda de prensa que Vigo contará con tres destinos internacionais ata o remate do ano 2025.
O Aeroporto de Vigo terá tres rutas internacionais ata o 31 de decembro de 2025. O alcalde anunciou que o concurso para a promoción turística e potenciación de actividades económicas da cidade a través da conectividade aérea directa incluirá Londres, Bruxelas e un terceiro destino a elixir polas compañías entre Düsseldorf, Ámsterdam ou Dublín.
Segundo Caballero, a idea é comezar a operar o 1 de novembro, deste xeito haberá conectividade internacional co aeródromo vigués ata, como mínimo, finais do ano 2025. “O obxectivo é consolidar o aeroporto de Vigo. Máis adiante tamén queremos voar a París.”
O rexedor xustificou a elección destes voos, por exemplo con Londres polas boas relacións e “ser de vital importancia capital para a cidade”; Bruxelas pola conectividade coa área e ser o eixo central da UE; Düsseldorf e Ámsterdam pola importante actividade turística e ser aeroportos “hub”; e Dublín, que “foi unha ruta que xa tivera Vigo e funcionou moi ben”, explicou. Para Caballero “calquera das tres opcións é boa para a cidade”.
“A conectividade témola con Londres, Madrid e no seu momento terémola con París, pero queremos ofrecer o máximo de conectividade e o máximo número de viaxes de negocios e turísticos”, afirmou.
Actualmente desde o aeroporto de Vigo operan seis aerolíneas: Iberia, AirNostrum, AirEuropa, Binter, Vueling e Ryanair. Isto supón que haberá voos en verano a 14 destinos: Madrid, Barcelona, Bilbao, Valencia, Gran Canaria, Tenerife, Mallorca, Sevilla, Málaga, Santander, Ibiza, Alicante, Menorca e Lanzarote.