O Concello amplía a iluminación de Nadal a novas zonas da cidade
O alcalde deu conta este venres en rolda de prensa da modificación do contrato, aprobado pola Xunta de Goberno Local, co fin de “cubrir novas rúas da cidade e reforzar as que tiñan pouca iluminación”.
A modificación do contrato de redacción do proxecto decorativo de iluminación e subministración dos elementos decorativos, o servizo de instalación, mantemento e desmonte dos elementos lumínicos ornamentais nas campañas de Nadal de 2018-2019, 2019-2020 e 2020-2021 supón un incremento do importe do contrato de 38.000 euros.
Abel Caballero explicou que o Concello trata de “dar resposta ás 250 demandas cidadás para poñer luces de Nadal nas súas rúas. Xa temos 360 e cada ano imos cubrindo algunhas rúas máis, por exemplo, en espazos que acabamos de humanizar como a Ronda de don Bosco”. Así, explica, o goberno municipal continúa coa extensión cara algunhas rúas pero “nalgún momento temos que parar. Estou pensando en rotar porque non é posible iluminar as 1.750 rúas da cidade”. Apuntou que tamén se están iluminando os núcleos centrais de tódalas parroquias.
Así, as rúas que verán ampliada a iluminación decorativa no Nadal son: García Barbón, Colón, Vitoria, Paseo Alfonso XII, Churruca, Cervantes, Rogelio Abalde, Gran Vía, Alfonso XIII, Eduardo Chao, Areal, Joaquín Yáñez, Pontevedra, Rosalía de Castro, Méndez Núñez, Fermín Penzol, Policarpo Sanz, Inés Pérez de Ceta, cruce de Peniche, Praza Ronda don Bosco, Barrio O Rocío en Coia e a Praza do centro comercial Coia 4.
A Xunta de Goberno Local aprobou tamén a proposta de adxudicación da contratación do servizo de megafonía en varias rúas de Vigo dentro da programación de Nadal 2021-2022, 2022-2023 e 2023-2024 por un importe de 39.000 euros anuais e para un “uso primordial”, tal e como explicou o rexedor, xa que servirá para ofrecer información de servizo á cidadanía.
Amais, a megafonía servirá para emitir panxoliñas de Nadal durante unha hora diaria no período navideño, pendente aínda de concretar. Con todo, o servizo estará dispoñible nunha franxa horaria máis ampla con persoal operativo para poder dar mensaxes de emerxencia, relacionados co plan de tráfico ou o peche de rúas.
Programa de medianeiras
O rexedor informou tamén da aprobación do “VIII programa para arrombar medianeiras e outros elementos verticais con incidencia sobre a vía pública e demais espazos libres que conforman a paisaxe urbana por un importe de 480.000 euros.
A previsión municipal é realizar 15 medianeiras dentro desta edición que se estruturará en dúas fases: as actuacións preparatorias nas que se seleccionan os artistas, espazos e centros educativos e a execución dos murais ou outras expresións artísticas.
“Estamos cambiando a imaxe urbana da cidade”, apuntou Caballero, coas medianeiras e a pintura ao aire libre. As sete edicións do programa de medianeiras suma xa case 140 intervencións na cidade.