Vigo inicia a construción da nova potabilizadora, que duplicará a súa capacidade
O alcalde presidiu este xoves o acto simbólico de colocación da primeira pedra das obras da nova ETAP do Casal, cun orzamento que ascende a 22,8 millóns de euros e 18 meses de prazo de execución. Abel Caballero, quen enxalzou a calidade a agua viguesa, salientou que non aumentará o recibo dos vigueses pola obra e que esta se executará sen cortar o subministro.
O acto de colocación da primeira pedra tivo lugar na mañá deste xoves nas instalacións de Aqualia en Vigo, na rúa Cantabria, e participaron o alcalde de Vigo, Abel Caballero, o delegado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, e os tenentes de alcalde, Javier Pardo, Elena Espinosa e María José Caride. Por parte de Aqualia estiveron presentes Félix Parra, CEO de Aqualia; Santiago Lafuente Pérez-Lucas, Director Nacional de Aqualia; Juan Carlos Rey, Director de zona; José Luis García Ibáñez, director da delegación de Aqualia en Galicia e José María Ardoy, Director de Aqualia en Vigo.
Nunha orixinal tubaxe de fundición, Abel Caballero e Félix Parra introduciron, ademais dos xornais do día e as moedas de curso legal, un cd co proxecto e unha botella con auga recollida in situ, en sintonía coas novas instalacións. Previamente, emitiuse un vídeo sobre o proxecto e os máximos responsables do Concello de Vigo e Aqualia dirixíronse ao público asistente.
Abel Caballero puxo en valor a tecnoloxía da nova planta potabilizadora, chamada a garantir o subministro para os próximos cincuenta anos e a mellorar aínda máis a calidade da auga viguesa, que é “a mellor de España”. A capacidade de tratamento pasará dos 900 litros por segundo actuais aos 1.500 nunha primeira fase e finalmente aos 2.200 litros por segundo. O alcalde destacou que a cidade acometa unha obra desta magnitude sen interrupcións no subministro de auga e sen que teña repercusión algunha na factura dos vigueses e viguesas, que non se verá incrementada.
Recordou Caballero que a estación do Casal data dos anos 70 e non só potabiliza a auga da billa da cidade de Vigo, senón que presta un servizo supramunicipal, ao tratar auga para Moaña, Cangas, zonas de Mos e de Redondela, sen que a Xunta de Galicia participe nesta obra, que corre a cargo integramente da cidade olívica.
ETAP do Casal
Cun investimento estimado de 23 millóns de euros, a construción acometerase ao longo dos próximos 18 meses. Con esta nova instalación, Vigo eleva a súa esixencia por encima da nova Directiva europea sobre a auga de consumo humano, nunha clara aposta de futuro. Trátase dun proxecto revolucionario, xa que o uso de membranas de ultrafiltración para a mellora da calidade da auga na potabilización da auga dunha gran cidade como Vigo supón un fito tecnolóxico.
O proxecto realizarase en dúas fases principais. Na primeira, terá lugar a construción, sobre o decantador existente, dun innovador edificio de dúas alturas e planta circular. Na planta inferior, albergaranse as canles de floculación e remineralización e os depósitos da auga pretratada nesta fase, e o bombeo ata a planta superior, onde se situarán os sistemas de filtración e de ultrafiltración (o corazón da nova ETAP), que, cunha capacidade de filtración de partículas de 0,02 micras, fornecerá auga dunha calidade excepcional. Unha vez estea operativo, a auga ultrafiltrada conducirase por gravidade ao depósito de cabeceira que ten 132.000 m3 (a auga equivalente a máis de 50 piscinas olímpicas) e de aí ao sistema de distribución que pasa por ser a maior infraestrutura hidráulica de Galicia. Nesta fase tamén se construirá un novo edificio para os reactivos necesarios no tratamento.
Unha vez que o sistema de ultrafiltración estea operativo e xa se estea producindo auga a partir del, activarase a segunda fase que contemplará a remodelación da instalación ao completo e a construción dun laboratorio de última xeración, así como unha nova sala de control totalmente automatizada.
Uno dos grandes retos aos que se enfronta o proxecto é continuar co tratamento e distribución de auga mentres a nova ETAP constrúese na mesma localización. O servizo de auga potable seguirase prestando con total normalidade aos máis de 500.000 cidadáns dos 3 municipios que reciben auga desta planta mentres as obras avanzan. Todo isto esixe, non só un know how tecnolóxico na vangarda senón, ademais, unha enorme capacidade de enxeñería, planificación e coordinación entre o desenvolvemento das obras e a prestación en continuo as 24 h/ os 365 días dun servizo esencial como é o do abastecemento de auga de calidade.