Escoitar

O Concello abre a oficina de consulta do novo PXOM e envia planos ás Asociacións de Veciños

O alcalde visitou este mércores o novo espazo habilitado na planta baixa do Auditorio Mar de Vigo para a exposición do Plan Xeral, equipado con copias en papel e doce ordenadores para a consulta telemática. Ademais, o goberno de Vigo remitiu planos detallados das parroquias ás entidades veciñais para facilitar o coñecemento e comprensión da nova ordenación urbanística.

mércores, 13 out 2021
Abel Caballero suxeita unha copia do novo PXOM, xunto á tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo, María José Caride, o xerente de Urbanismo, Carlos Hernández Figueruelo, e Ánxel Viña (e.), do equipo redactor do Plan.
Abel Caballero suxeita unha copia do novo PXOM, xunto á tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo, María José Caride, o xerente de Urbanismo, Carlos Hernández Figueruelo, e Ánxel Viña (e.), do equipo redactor do Plan.

“Queremos que todo aquel que requira información [do Plan] a teña, sen présa, sen colas”, afirmou Caballero este mércores durante unha visita ao novo espazo municipal habilitado no Auditorio de Beiramar, unha “sala ampla” dotada de equipos informáticos e copias en papel do novo Plan no que ademais, sempre con cita previa, quen o solicite pode ser asesorado por un técnico en urbanismo.

Quen queira coñecer o novo planeamento, pode acceder ao mesmo na propia web do Concello de Vigo. De carecer de medios informáticos, o Concello dispuxo na sede da planta baixa do Mar de Vigo unha ducia de equipos para consultalo, ademais dunha copia en papel. Na mesma oficina, expertos en urbanismo ofrecerán desde a próxima semana, anotou Caballero, atención e asesoramento personalizado a quen o solicite pedindo cita previa. É posible tramitar unha cita previa por dúas vías: a través da web citaprevia.vigo.org ou no número de teléfono 986 616 388 (en horario de oficina, de 9 a 14 horas e de 17 a 20 horas).

Adicionalmente, para facilitar o coñecemento da nova ordenación, o Concello de Vigo remitiu ás Asociacións de Veciños planos detallados da situación na que queda cada parroquia co novo Plan, segundo anunciou o alcalde. Abel Caballero recordou que o goberno que preside manterá o documento en exposición pública durante tres meses, un máis do esixido por lei: “O noso desexo de que a consulta se produza con normalidade, con sosego e atendidos polos técnicos”, aseverou. A administración local viguesa xa enviou o Plan Xeral á Xunta de Galicia e ao Goberno de España para a emisión dos preceptivos informes. As alegacións poden tramitarse de forma telemática, en calquera rexistro oficial e tamén na propia sede municipal da Avenida de Beiramar, onde o Concello habilitou un rexistro auxiliar.

O alcalde enxalzou as bondades dun documento “magnífico, fantástico, un Plan para a xente, con vivendas sen especulación e con 15.000 vivendas con protección”. A modo de exemplo, Caballero recordou que o PXOM reserva solo no entorno do parque central de Santa Cristina para que o propio Concello desenvolva directamente unha promoción de vivenda pública e en alugueiro. O novo Plan Xeral establece a obriga de reservar de media o 30% do total para vivendas con algún tipo de protección, o máximo que prevé a futura norma estatal na materia: “Nos anticipamos á lei do Goberno de España”, valorou o rexedor.

Por outra banda, Abel Caballero puxo en valor as novas estradas que debuxa o Plan Xeral, os novos espazos dotacionais reservados, tres grandes áreas deportivas e “melloras para facer de Vigo unha cidade verde”. Explicou o alcalde que a cidade “ten unha carencia importante de espazos verdes, porque evolucionou nun modelo de especulación durante tantos anos”, un debe que o Concello quere paliar co novo PXOM.

Descargar todas as imaxes