Escoitar

Manel Fernández aplaude o regreso do Trofeo Illas Cíes de remo de mar, etapa tamén da nova liga estatal, esta fin de semana

Regresa o remo de mar á ría de Vigo logo das experiencias de 2018 e 2019, de novo co patrocinio do Concello de Vigo e tamén do apoio da Deputación.

martes, 14 set 2021

O concelleiro de Deportes, Manel Fernández, presentou a terceira edición do Trofeo Illas Cíes, que se vai celebrar en Samil, diante do complexo deportivo municipal (praia de Calzoa), este sábado e domingo, co Club Remo Vigo de organizador.

“Este evento contribúe á recuperación da actividade deportiva na cidade”, subliñou o edil, satisfeito pola paulatina recuperación dos eventos, con protocolos Covid-19, que levan a cabo as entidades deportivas “e que se tiñan retraído pola pandemia”, explicou.

O club, que estivo representado polo seu presidente, Manuel Rodríguez, e por Celia Lago, na comparecencia ante os medios, chegará aos 200 remeiros, como antes da pandemia, aínda que “hai clubs que non poderán acudir”, lembran, do Mediterráneo e de Portugal. Con todo, a organización asegurouse a participación de competidores de seis comunidades autónomas (Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Madrid e Andalucía), do país veciño e ata de Estados Unidos, pois uns días despois está na axenda o Mundial de “Beach sprint” en Portugal.

Nesta oportunidade o club dobra esforzos: serán dous días de probas en lugar de un e abandonan Bouzas para competir en Samil ao engadir unha nova modalidade, o Beach Sprint (sprint de praia), que necesita unhas condicións máis axeitadas para Samil.

A gran novidade será que o sábado disputarase a etapa viguesa do I Liga Nacional de remo de mar, que ía comezar en 2020. Ata agora disputouse en dúas sedes (Málaga e Cádiz). A de Vigo será a terceira. Daquela a liga trasládase a San Sebastián, Getxo, Sada e Tarragona. O Club Remo Vigo quere pelexar pola liga e tras esta fin de semana, competirá en San Sebastián, Getxo e Sada. “Tentaremos situar ao club e a Vigo na punta de lanza do remo nacional”, dixo Rodríguez.

As probas do sábado serán de 3.000 metros, como marca a liga, dende as 9:00 ás 13:30 e de 15:30 a 20:00 horas. Compiten todas as categorías: promesas, infantís, cadetes, xuvenís, séniors e veteranos.

O domingo, de 8:00 a 15:00 horas, cadetes, xuvenís, séniors e veteranos, a novidade do Beach sprint: unha distancia de 350 metros (modalidade Beach Sprint), con saída e chegada á carreira na praia. “É moi vistoso”.

A suma de ambos días dará o club campión do Trofeo Illas Cíes. O Club Remo Vigo gañou as dúas edicións anteriores, e a pesar da pandemia, xa acada os noventa remeiros e remeiras.

Descargar todas as imaxes