Escoitar

"O Castro bule" de verán 2003, un territorio para os mozos de Vigo

Baixo a denominación de "O Castro bule de verán", a concelleira de Xuventude, Belen Sío, vén de presenta-la programación especial de actividades para o vindeiro 28 de xuño no programa "Súbete ó Castro", que nesta terceira edición pretende superar os 1.000 asistentes do ano anterior.

martes, 24 xuñ 2003
1056458046belensio.jpg
Presentación do programa
Un dos maiores atractivos da programación van se-las concentracións-exhibicións de grafitie, breakdance, roller e skate durante todo o sábado. Estas concentracións permiten que os participantes demostren as súas habilidades en cada unha das disciplinas. No caso do breakdance cóntase coa presencia de Black-shadows un grupo de break dance nacido en Vigo.

Unha das novas propostas desta edición será dinamizada pola Asociación Xuvenil Cancervero. Consiste en partidas de Rol no Castro con AD&D y Mundo de tinieblas, dous dos xogos máis coñecidos no mundo do rol. Pola tarde terá lugar unha partida de rol en vivo que se disputará no castelo do Castro. Esta actividade rematará cunha obra de teatro que a Asociación Central de Teatro porá en escena. A obra titúlase "Combate de improvisación".

Outro dos atractivos vai xirar arredor da música, en liña coas actividades musicais que tódolos sábados teñen lugar no local de "Castro ensaio". Centrarase nun concerto de música, con grupos como Leucocitos (Punk-Rock); GP Delice (Hip Hop); Aphrodites (Pop-Rock) e Runa (Rock). Terá lugar na noite do sábado.

As actividades compleméntanse cunha exposición de Grafities e unha actuación o longo da tarde de Malabares: Zancudos improvisados. Ademais haberá unha audición de guitarra eléctrica pola mañá e outra audición de percusión pola tardiña.

Por primeira vez, en colaboración coa Escuela de Imagen y Sonido de Vigo e coa Escuela Gallega de Cine, efectuarase a emisión pola noite dalgúns cortos e videoclips pertenecentes os alumnos destas dúas escolas.

As 20:00 horas terá lugar a entrega de premios ós participantes por parte da Concelleira. Estes premios serán aportados polas casas patrocinadoras do evento e servirá de momento central do acto.

Tódalas actividades realizaranse nas instalacións do programa "Súbete ó Castro", que a Concellería de Xuventude dispón aberto durante todo o ano no Parque do Castro, ó carón dos depósitos de auga.
Descargar todas as imaxes