Escoitar

Olaia Fernández pretende rematar coas listas de agarda de atención a domicilio

As prioridades marcadas desde a Concellería de Benestar Social son a ampliación de persoal do servicio de atención primaria e a eliminación das listas de agarda de atención a domicilio. A concelleira Olaia Fernández destacou a valía dos profesionais do departamento e o compromiso do Goberno municipal de chegar neste mandato ao 7% dos orzamentos destinado a políticas de servicios sociais.

martes, 24 xuñ 2003
1056460979olaiafernandez.jpg
A concelleira de Benestar Social
A concelleira sinalou a necesidade de ampliar o servicio de atención primaria, o máis próximo aos cidadáns, e descentralizar as prestacións desde o Concello para o que se prevé crear unha nova Unidade Básica de Atención Social na zona das Travesas. Pretende ademais ampliar o cadro de persoal dos traballadores sociais en seis profesionais máis, posto que "o ratio de poboación sobre o que actúan é excesivo", estimou.

"Os servicios de atención social foron ampliados nos últimos catro anos pero débese acometer un aumento do horario para eliminar a lista de agarda que supera as 100 persoas en atención a domicilio", indicou. Con esta finalidade, prevese incrementar a partida do convenio coa Cruz Vermella e estúdiase fomentar a creación de emprego a través de cooperativas para favorecer o sector dos servicios sociais.

Outra das prioridades desta concellería será a construcción dun albergue para transeúntes e a solicitude de entrevistas coas responsables das consellerías de Familia e Asuntos Sociais da Xunta de Galicia para que asuman un maior investimento orzamentario no plan concertado cos concellos "atendendo á equidade e evitando un trato discriminatorio baseado nas políticas clientelares", explicou Olaia Fernández.

Máis información