Escoitar

O Marco inaugura unha mostra sobre a convivencia

A exposición "Agrupémonos todos; gregarismo, lecer e outros motivos de xuntanza" amosa fotografías, videos, esculturas e instalacións interactivas de 19 artistas que analizan os conceptos de masa e de público.

venres, 20 xuñ 2003
1056110566agrup5.jpg
Visita á mostra
O alcalde, Ventura Pérez Mariño, sinalou que esta mostra "está cargada de emotividade máis alá do movemento artístico con matices de saudade e actualidade". O concelleiro de Cultura, Santiago Domínguez, afirmou que "os artistas souberon plasmar e rescatar o valor da arte para a convivencia ante homes e mulleres para enxalzar o valor da xuntanza".

O comisario da mostra e director do Artium de Álava, Javier González de Durana, explicou que se exhiben "ideas de masa e multitude como formas de denominar as concentracións de xente nos séculos XX e XXI, respectivamente". O turismo, o fenómeno fan, a moda, as manifestacións e a comunidade de internet son algúns dos temas propostos polos 19 artistas que conforman esta mostra colectiva.

Esta exposición está coproducida entre o Museo de Arte Contemporánea e o Artium de Álava e conta coa colaboración do Faro de Vigo que edita a publicación en formato xornal que sustitúe o tradicional catálogo.

A mostra ofrece múltiples lecturas dende o punto de vista sociolóxico, histórico, político, literario poético e visual para embocar nunha visión irónica, humorística ou amarga da realidade de fins do século XX e inicio do XXI a través dos traballos de 19 creadores de 12 países. As obras, na súa maioría fotografías, pero tamén vídeos e instalacións, comparten retratar masas de xente, imaxes colectivas e, á vez anónimas, sen protagonista individual cun diálogo co espectador.

Artistas

A escolma principia cos ensaios visuais sobre as aglomeracións de Jerôme Lefdup, a partir das imaxes de arquipos históricos, subliñando o seu significado mediante música, da que tamén é autor.

A mostra inclúe outras propostas como as de Spencer Tunick, Zhang Huan, Mira Bernabeu, que dende o corpo espido analizan a cultura do espectáculo, os movementos de masas ou a sociedade de consumo.

A británica Eva Bensasson encara a anulación dos individuos na sociedade contemporánea, a igualar perfís; mentres Sylvie Blocher utiliza o contraste entre os cánticos proletarios e as melodías infantís para sorprender o espectador. Andreas Gursky investiga os acenos disciplinados ou frenéticos das multitudes en escenarios laborais ou de lecer. A enaxenación dos personaxes sen rostro centra as instalacións de Magdalena Abakanowitz, procurando plasmar a manipulación de multitudes.

A perspectiva narrativa ocupa as creacións de João Tabarra e Olivo Barbieri, así como a poética impregna as imaxes de Serxio Belinchón, en contraposición ao lecer, enchido de simbolismo, de Marcos López ou de Adi Nes. Pola contra, Claude Levêque afonda na multitude dende a súa ausencia fronte a iconas para masas como Mickey Mouse. Asemade, a exposición abrangue, xunto ás fotografías, vídeos e a instalación interactiva de Hiroyuki Matsukage, que permite que o espectador goce de auténtico protagonismo.
1056110566agrup5.jpg
1056110653agrup1.jpg
1056110671agrup6.jpg
1056110686agrup4.jpg
Descargar todas as imaxes

Máis información