Escoitar

Olaia Fernández visitou as UBAS

A concelleira de Benestar Social, Olaia Fernández, visitou as unidades básicas de atención social de Coia, do Casco Vello e de Teis para coñecer de preto as necesidades dos traballadores destes centros e dos seus usuarios.

venres, 20 xuñ 2003
Un equipo de profesionais de Benestar Social traballa co obxectivo de poñer en marcha e desenvolver programas e servicios que posibiliten a mellora da calidade de vida e a participación e integración de tódalas persoas e, particularmente, as que teñen menos oportunidades. Estes servicios forman parte da rede pública de Servicios Sociais.

A atención primaria é a máis achegada aos cidadáns para buscar respostas ás demandas e necesidades das persoas. Préstase este servicio na Casa do Concello e dende as unidades de traballo social situadas en distintos barrios da cidade.

Entre as prestacións das Unidades Básicas de Atención Social está a orientación, información e asesoramento sobre recursos e dereitos sociais, o servicio de axuda ao fogar, o servicio de teleasistencia no fogar, o servicio de convivencia e de prevención e inserción social e o de promoción e cooperación social.

Máis información