Escoitar

O goberno de Vigo reclámalle á Xunta que achegue 500.000 euros anuais ao MARCO

O concelleiro de Cultura, Abel Losada, vén de remitir unha carta ao conselleiro Román Rodríguez demandando a suba do financiamento ao museo que na actualidade é de 100.000 euros, do mesmo xeito que o goberno autonómico incrementou a achega ao Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago que “financia na súa totalidade”.

luns, 21 dec 2020

O alcalde deu conta este luns en rolda de prensa do contido desta misiva que o concelleiro Abel Losada dirixiu ao conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, solicitándolle 500.000 euros anuais de financiamento para o MARCO de Vigo.

Sostén Caballero que o MARCO é un dos “grandes museos de arte contemporánea de España e practicamente non ten axuda da Xunta”, que foi reducindo as achegas progresivamente. O Concello financia con entre 600.000 e 700.000 euros anuais ao museo mentres o goberno autonómico destina “soamente 100.000 euros”, polo que Vigo solicita un incremento do apoio ata os 500.000 euros. Tal e como recolle a carta o MARCO ten unhas “liñas de traballo, queremos dinamizar sectores vinculados á cultura desde o museo, fortalecer o vínculo co resto da cultura da cidade e cos seus fitos turísticos “ e para ese fin reclámase a suba da achega autonómica.

Para o alcalde olívico, o financiamento municipal “case na súa totalidade” que recibe o MARCO contrasta coa actuación da Xunta de Galicia que dá “inxentes e multimillonarias axudas a museos de outras zonas que non son Vigo”, citando como exemplo o Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago “que financia na súa totalidade e onde duplicaron o orzamento para a adquisición de obras”. “Por que esta discriminación? Por que o de Santiago se financia ao 100% e o de Vigo practicamente cero? pregunta o rexedor.